Presentan unha moción de censura contra o alcalde de Sada

"O incumprimento dos acordos plenarios" é un dos principais motivos que desde Alternativa dos Veciños apuntan para xustificar a presentación da moción de censura.
O actual alcalde de Sada, Benito Portela (Foto: Sadamaioría).
photo_camera O actual alcalde de Sada, Benito Portela (Foto: Sadamaioría).

Os dous edís que conforman o partido Alternativa dos Veciños e que forman parte do Goberno tripartito de Sada (no cal tamén están Sadamaioría e BNG) aliñáronse esta sexta feira cos edís de PP e PSOE para presentar unha moción de censura contra o actual alcalde da localidade, Benito Portela (Sadamaioría).

María Nogareda, portavoz de Alternativa dos Veciños pediu explicitamente nun dos últimos plenos a PP e PSOE a que se atrevesen a presentar a moción de censura.

Após o anuncio desta sexta feira, faise agora efectiva esta moción cando apenas falta medio ano para as próximas eleccións municipais.

"O incumprimento dos acordos plenarios" é un dos principais motivos que desde Alternativa dos Veciños apuntan para xustificar a presentación da moción de censura.

"A reiterada falta de transparencia negándose a facilitar a información que lle solicitamos para cumprir coas nosas obrigas como concelleiros da corporación", engaden. A falta de control e que "non cumpren o estabelecido e non executan correctamente as obras dos Concello", son outros dos motivos que achacan.

Meses de tensión

Esta moción de censura culmina o que foron varios meses de tensión en que tanto o alcalde como María Nogareda cruzaron acusacións e declaracións que evidenciaban unha clara crise de Goberno. 

Os dous edís de Alternativa dos Veciños dan agora este paso en contra da consideración do presidente do partido, Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros.

Comentarios