Denuncian o alcalde de Pontedeume por unha suposta agresión a unha hostaleira

O rexedor, Bernardo Fernández, do PSOE, nega a agresión e asegura que, "no momento en que este lamentábel suceso quede aclarado", emprenderá as "accións correspondentes" en defensa da súa honra.
Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume.
photo_camera Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume.

A propietaria dun negocio de hostalaría de Pontedeume (Eume) vén de denunciar o alcalde desta localidade, o socialista Bernardo Fernández, por unha suposta agresión que o rexedor nega. Segundo consta na denuncia formulada ante a Garda Civil, a muller acusa Fernández de presuntamente golpeala en "repetidas veces e con forza nas costas e ombreiro". Ademais, sostén que o primeiro edil agarrouna "polos pulsos con forza, cruzándollos no peito e empurrándoa cara atrás".

A denunciante declara que os feitos ocorreron sobre as 21.30 horas da pasada quinta feira 7 de setembro, no inicio das Festas das Peras, cando o rexedor pasaba, en compañía da muller, ante este local e detívose a charlar cun cliente para afearlle que o Concello ordenase retirar unha barra que colocara con motivo dos festexos.

"Moitas grazas, Bernardo, por mandar á Policía Local a retirarme a barra", asegura que lle dixo despois de que acudise ao lugar unha patrulla para retirar ese mobiliario que colocara con motivo das festas. Aliás, subliña que solicitara o permiso para instalalo no Consistorio días antes. Segundo a versión que figura na denuncia, foi nese momento cando se iniciou unha forte discusión entre ambos que rematou coa suposta agresión á empresaria.

Posteriormente, a denunciante desprazouse ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Pontedeume, onde o parte médico recolleu que non sofre "ningún traumatismo". Con todo, indica que se aprecia "liña eritematosa transversa en terzo distal, cara anterior do antebrazo esquerdo" e tamén "eritema en antebrazo esquerdo". Tamén foi tratada por unha crise de ansiedade. A denunciante achega os datos de tres testemuñas, unha delas o seu irmán, e asegura que na terraza do local "había multitude de xente", pero descoñece "se alguén máis viu a agresión".

O alcalde négao

Pola súa parte, nun comunicado aos medios, Bernardo Fernández, que tamén é secretario xeral do PSOE da provincia da Coruña, negou a suposta agresión. O rexedor explica que cando chegou á altura do local e parou a falar cun veciño e os seus acompañantes escoitou como detrás del "alguén" o "increpaba". "Ao virarme puiden comprobar que era a propietaria do local quen, ao mesmo tempo, braceaba e invadía o meu espazo persoal, recriminábame o feito de non serlle autorizada a instalación da barra citada con anterioridade", sinalou.

Fernández asegura que lle dixo que "non era o momento nin o lugar adecuado para falar dese tema" pero que, ao ver que non cesaba, tentou "dialogar" e "argumentar" os motivos desa denegación. "Tal e como aseguran numerosas testemuñas que había naquel momento na terraza do estabelecemento, o único que fixen dunha forma suave e respectuosa foi separar os seus brazos para tentar que se tranquilizase", subliña.

Detalla así que "en ningún momento produciuse pola súa banda ningún tipo de empurrón, nin comportamento agresivo" e que "todos os presentes na vía pública nese momento viron o que pasou". O socialista indica que, "dada a natureza da situación" e desde a tranquilidade de quen sabe a verdade e que nada ten que ocultar, só procede trasladar a súa confianza "cega" e o seu respecto tanto na actuación da Garda Civil, ante quen se interpuxo a denuncia, como no xulgado competente onde esta recaeu".

Críticas do BNG

O grupo municipal do BNG en Pontedeume, a través doutro comunicado, tamén se fixo eco deste incidente. Así, asegura recibir "información" sobre o ocorrido e mostra a súa "absoluta" repulsa ante "este lamentábel incidente" e o seu "máis sincera solidariedade coa vítima". A formación nacionalista sostén que "calquera representante público, neste caso o alcalde, débese á veciñanza que o elixiu" e que, por iso, "debe de actuar dunha maneira impecábel e non perder os papeis deste modo antes as críticas que poida recibir por parte dos veciños".

"Vimos apreciando nos últimos tempos por parte do alcalde un rexeitamento continuo ante calquera opinión diferente á súa". "Parécenos inconcibíbel que se chegue ao contacto físico ante unha crítica ou discusión política", sinala o Bloque, que solicitará unha "reunión inmediata da xunta de portavoces" para acordar a convocatoria dun pleno extraordinario "para que o alcalde ofreza as explicacións pertinentes á marxe do proceso legal aberto após a denuncia interposta".

Por último, considera que, "de confirmarse este comportamento agresivo da persona que ostenta un cargo público, quedaría desautorizado para continuar a ser o máximo representante dos veciños de Pontedeume".

O alcalde lamentou que o BNG de Pontedeume non se puxese en contacto con el para coñecer a súa versión dos feitos e acusou os nacionalistas de estar dispostos a "politizar o sucedido", "causando un dano persoal e familiar tan grande, dando veracidade a uns feitos a propósito de que son mentira e nunca se produciron". Por último, detallou que "no momento en que este lamentábel suceso quede aclarado", emprenderá as "accións correspondentes" en defensa da súa honra, "que a día de hoxe está a ser posta en dúbida mediante as mentiras máis abxectas".

Comentarios