CONTA ATRÁS CARA AO 24M

‘’Agora fálase de política na ’pandilla’, o que até hai pouco era impensábel”

Visitamos a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC para coñecer como se vive a cita do 24 de maio coas urnas.

Panel na Facultade de Cc políticas
photo_camera Panel na Facultade de Políticas

Ciencias Políticas, a carreira cualificada no seu momento como ‘A bela inútil’ polos seus detractores, semella vivir certa auxe mediática da efervescencia do que se ten denominado ‘nova política’. Que o núcleo dirixente de Podemos tivese a súa xénese na Facultade de CC. Políticas de Somosaguas, campus da Complutense madrileña, levou a boa parte da imprensa a pousar os ollos sobre unha carreira sobre a que se acumulaban prexuízos e descoñecemento.

En Galiza hai Facultade de Ciencias Políticas e Sociais desde comezos da década dos noventa. Unha simple ollada aos ‘padriños’ e ‘madriñas’ que coroan as orlas das diferentes promocións que se exhiben nos corredores da Facultade ratifica a impronta máis ‘política’ da carreira: Xosé Manuel Beiras (2000-2005), Anxo Quintana (2006-11), Santiago Carrillo (2002-07), Pablo Iglesias (2009-13), Jordi Pujol (2008-12) ou Cristina Almeida (1993-98). Neste último caso, a súa elección foi precedida dunha tensa asemblea de estudantes na que a proposta de facer ‘madriña’ á daquela deputada de IU gañou por pouco á proposta de que o padriño fose Fidel Castro.

Conciencia, sensibilidade

Hai un maior interese entre a mocidade universitaria pola política que hai uns anos? Preguntámosllo a Marta Lois, profesora da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Compostela. “Noto unha maior conciencia e sensibilidade”, recoñece. A crise e, sobre todo, o 15M marcaron, di “un punto de inflexión. Até entón había como unha especie de letargo. Mais a xente nova sentiuse interpelada e [co 15M] reaccionou contra o fatalismo”. Durante a conversa Marta Lois deixa un detalle para a reflexión: a diferencia de hai uns anos, o discurso nacionalista entre o estudantado na Facultade exprésase con “timidez”, xa non se dá co convencemento e afirmación de antano. Un dado para nada baladí nunha facultade na que a mediados dos 90 tiñan folgada presenza entre o seu alumnado 2 organizacións nacionalistas de esquerdas (MEU e CAF) e unha combativa e nidiamente independentista (Estudantes Independentistas).

Incide esta profesora -que fai parte da candidatura de Compostela Aberta- en que a politización non é exclusiva do ámbito da esquerda (“vin alumnos en aulas con carpetas do PP, o que hai uns anos era impensábel”) e lamenta que a universidade xa non sexa quen de asumir o reto de ser “un espazo da construción da protesta social” perante un escenario de verdadeira emerxencia como o que se estáa vivir. As redes sociais, confirma, son das vías principais a través da que o estudantado da Facultade, e que pode ser extensivo á mocidade, accede, partilla e socializa os discursos políticos. E nesas ferramentas os novos actores políticos emerxentes levan vantaxe.

Ao pé da máquina do café

Ás portas da Facultade dous rapaces fuman e toman café de máquina, todo un clásico. Fernando (Caldas de Reis) e Javier (Silleda) andan na vintena e son galego falantes, algo cadz ves máis raro segundo indican os propios informes e estudos oficiais. Facémoslle a mesma pregunta que á profesora (hai maior interese pola política?) e coinciden na resposta, si. Poñen un exemplo contundente: “agora entre os colegas, na pandilla, fálase de política, o que hai uns anos era impensábel”.

Fernando (Caldas de Reis) e Javier (Silleda) andan na vintena e son galego falantes, algo cadz ves máis raro segundo indican os propios informes e estudos oficiais

A raíz da reflexión feita por Marta Lois, un discurso nacionalista a minguar no espazo público , ambos os dous diferencian segundo ámbitos: recoñecen que “pode” que no marco da facultade perdese presenza entre o alumnado, mais sosteñen que nos seus concellos a cuestión é diferente. Fernando sinala que en Caldas “vexo a xente nova que está máis polo nacionalismo, dígoo xa por amigos meus que si se implican”, mentres que Javier sitúa o nacionalismo en Silleda máis como “unha opción á que se suma a mocidade para opoñerse ao que hai, aos que levan anos no poder”.

Enterámonos durante a conversa que un dos profesores máis mediáticos desta facultade, Antón Losada, anunciaba publicamente a través das redes sociais que nas municipais votará a candidatura do BNG en Compostela. Desbotan facer comentarios pero 'wasapean' a nova. 

Comentarios