As AECT reivindican a eliminación de "obstáculos físicos e burocráticos" entre fronteiras e impulsar proxectos comúns

Reivindican o seu papel como institucións "chave" para a cooperación e o desenvolvemento transfronteirizo.
Conclúe en Vigo o II Encontro AECT Ibéricas, organizado pola Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Conclúe en Vigo o II Encontro AECT Ibéricas, organizado pola Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. (Foto: Europa Press)

As Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) da península Ibérica reivindicaron esta terza feira a necesidade de eliminar os "obstáculos físicos e burocráticos" entre fronteiras e a importancia de impulsar proxectos comúns. Así se recolle nas conclusións do II Encontro AECT Ibéricas organizado pola Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, que mostrou a súa "satisfacción" polo desenvolvemento deste evento, tras catro anos desde a edición anterior.

"Todas as institucións da Unión Europea coincidiron en resaltar, a través de numerosos informes e declaracións, a necesidade de eliminar os obstáculos, tanto físicos como burocráticos, que aínda frean o pleno desenvolvemento dos territorios de fronteira", destaca o documento. As AECT esperan que de todos os procesos lexislativos saia reforzado o papel destas agrupacións como institucións "chave" para a cooperación e o desenvolvemento transfronteirizo.

"Confirmamos e demostramos a nosa capacidade para actuar como facilitadoras de iniciativas que dinamizan a cooperación transfronteiriza e melloran a vida dos seus cidadáns", reivindicaron, ao tempo que puxeron o foco nalgunhas necesidades destes habitantes, como o Estatuto do traballador transfronteirizo, "longamente reclamado e sobre cuxa eventual materialización non perdemos a esperanza".

Nestas xornadas falouse tamén das rexións transfronteirizas e periféricas, que están dobremente "penalizadas" e teñen retos "moi específicos". "As institucións que teñen que traballar para superar estes retos deben contar cun coñecemento profundo do terreo e coa capacidade para actuar como nexo de unión entre Administracións, tanto de diferentes niveis como de diferentes Estados. Por iso, as AECT son ferramentas idóneas para liderar iniciativas que contribúan a desenvolver todo o potencial innato deses territorios", engadiron.

No evento comprobouse que os proxectos impulsados polas AECT "reforzan a identidade común e o coñecemento mutuo" e contribúen a "fomentar o desenvolvemento do tecido empresarial vinculado aos servizos culturais e turísticos".

Alén dos diferentes programas Interreg, "fundamentais" para a actividade das AECT, tamén pediron novas vías de financiamento con outros programas nacionais e comunitarios.

Comentarios