Paulo Ríos denuncia a vulneración dos contrato polas adxudicatarias

Acusan a Xunta de permitir a Monbus incumprir os contratos

As dúbidas sobre as concesións do transporte público adxudicadas pola Xunta da Galiza ao grupo Monbus pairaron no pleno do Parlamento desta terza feira. Mentres o portavoz do BNG en materia de transporte, Paulo Ríos, evidenciou os incumprimentos das condicións do contrato, a conselleira de Transporte, Ethel Vázquez, evitou responder sobre as críticas do nacionalista.

 

Parlamento da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)
photo_camera Parlamento da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento)

O deputado do BNG Paulo Ríos denunciou os incumprimentos dos contratos por parte do grupo Monbus e sinalou que "afectan aos usuarios, ao precarizar, de forma unilateral os servizos". Neste sentido, criticou que "Monbus está modificando pola súa conta os horarios das liñas regulares para facer co mesmo persoal e os mesmos autobuses os servizos". A este respecto, puxo como exemplo do problema creado "as mobilizacións nas comarcas das Mariñas e de Ferrolterra, unha expresión clara do malestar entre os usuarios".

"A Xunta da Galiza non está controlando o cumprimento por parte das adxudicatarias das condicións fixadas nos contratos de concesión do transporte por estradas", aseverou Ríos, quen alertou que "os vehículos de Monbus non cumpren coa idade máxima marcada nos pregos de concesión aprobados polo Goberno galego e recollidos pola compañía na súa oferta para facerse co servizo". Ríos lembrou que "a idade máxima para os autobuses non pode superar 10 anos, porén coñecemos de servizos que se prestan con vehículos de 12 ou mesmo 16 anos".

O voceiro en materia de transporte da formación nacionalista advertiu que "as bases do concurso do transporte por estrada fixaban que non se podían empregar os mesmos vehículos e traballadores para diferentes concesións, estabelecendo este suposto como causa de extinción do contrato mais isto non se está a cumprir como ben coñece a Xunta". Na mesma dirección, denunciou que "as empresas do grupo Monbus comprometéronse na súa oferta para gañar o concurso a que a totalidade dos contratos do persoal serían indefinidos, algo que non está acontecendo, como demostran os acordos parciais asinados con varios condutores".

A conselleira de Transporte, Ethel Vázquez, evitou responder ás cuestións formuladas por Ríos sobre o incumprimento dos contratos por algunhas adxudicatarias da Xunta da Galiza. Nesa liña, acusou os nacionalistas de "actuar como voceiros da patronal do transporte en 2017 durante o anterior concurso de concesión de liñas" e cualificou a actitude do BNG como "bochornosa". No mesmo sentido, criticou a política nesta materia dos nacionalistas, denunciando que "o Concello de Pontevedra non conta con transporte público malia estar obrigado por lei".

Vázquez gabouse da súa xestión nesta materia. "A maior aposta polo transporte público nos últimos anos teno desenvolvido este Goberno, como amosan as máis de 3.500 liñas regulares postas en marcha pola Xunta", afirmou, aseverando que "a Xunta está moito máis concienciada co transporte público que os grupos da oposición". A este respecto, a responsábel do Goberno galego sinalou sentirse "decepcionada pola oposición que nada útil ten achegado a este debate".

Comentarios