Queixas e denuncias polo transporte público con Monbus como protagonista

A CIG concentrouse diante de Mobilidade da Xunta en protesta pola situación do transporte público.
Manifestación de traballadoras e traballadores do transporte público diante da Secretaría Xeral de Mobilidade, en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Manifestación de traballadoras e traballadores do transporte público diante da Secretaría Xeral de Mobilidade, en Compostela (Foto: Nós Diario).

Unha concentración de traballadoras e traballadores do sector do transporte por estrada hoxe diante da Secretaría Xeral de Mobilidade, en Compostela, serviu para denunciar, segundo a CIG, "os abusos das empresas e a permisividade da Xunta da Galiza que é a titular dos contratos diante desta situación".

Na mobilización participou Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transportes da Fgamt-CIG, que explica que "agora mesmo hai un auténtico caos neste servizo de viaxeiros en toda Galiza". Este sindicalista, con máis de 25 anos no sector, afirma que "non lembra algo semellante, é unha tolemia". Asegura a Nós Diario que boa parte dos problemas de funcionamento deste tipo transporte vén como consecuencia do "monocultivo" por parte do Grupo Monbus, que "conta cun 75% dos contratos de mobilidade".

Esta circunstancia provoca, para este sindicalista, que "que haxa despedimentos, persoal non subrogado e moitas protestas de viaxeiras e viaxeiros por non cumprir os horarios". Desde a central nacionalista aseguran que pediron varias xuntanzas aos responsábeis de Mobilidade da Xunta, mais que, polo de agora, non tiveron resposta. Pastoriza valora como "estraño" que se cree unha comisión de seguimento do contrato cando o propio departamento público encargado "rexeita as xuntanzas e opta por non dialogar".  

Monbus non contesta 

Desde a CIG informan que presentaron denuncias polo incremento dos despedimentos e pon algúns exemplos, "oito en Compostela, oito na comarca de Ferrol e varias acompañantes que non foron subrogadas nalgunhas zonas". Asegura que unha das "estratexias" de Monbus é "non respectar os dereitos laborais, en cuestión de xornadas ou salariais, que están aprobados por enriba do convenio". Na central sindical afirman que aínda non tiveron contestación a ningunha destas reclamacións "e cando contestan non é respondendo ao que se lles cuestiona". 

Pastoriza engade, como tema fundamental na realidade do que acontece no transporte de viaxeiras e viaxeiros, que as empresas incumpren reiteradamente as súas ofertas á licitación para conseguir os contratos. "Poñen como oferta algunhas melloras que puntuaban mais non implementaron nada". Dá como exemplos o anuncio de que teñen unha cocheira ou unha oficina de atención ao público cando en realidade non existe”. Con estas "falsas" ofertas, o que perde, para este sindicalista, "é o emprego". Diante destas irregularidades a CIG non entende que "a Xunta non actúe de inmediato". 

Precariedade no transporte escolar

Raúl Rodríguez, delegado do sector de estradas e loxística de CCOO, alerta que onde máis problemas hai é no transporte escolar. "Teñen moitos contratos a través de empresas de traballo temporal (ETT), nalgunhas ocasións en fraude de lei", conta a Nós Diario, "con xornadas que non se corresponden ao horario que realizan", engade. Segundo este sindicalista, ao final do día o persoal que presta este servizo pode chegar a realizar entre 12 e 14 horas de traballo. 

Reclamacións sobre a nova intermodal de Compostela

As redes sociais deron conta o pasado 22 de maio da inauguración da nova estación intermodal de Compostela e tamén das queixas de usuarias e usuarios pola eliminación das paradas habituais, que o persoal dos vehículos non soubo até o mesmo día, polo que non houbo posibilidade de información previa.

Esta semana xa se presentaron denuncias e mesmo unha recollida de sinaturas para que a Xunta interveña. 

Comentarios