ABC tenta desacreditar as revelacións de Torres sobre o Borbón

O xornal monárquico defende a Casa Real, tenta desacreditar as revelacións de Torres na súa declaración perante o xuíz ("o xefe é o Rei", chegou a dicer o ex socio de Urdangarín) e, iso si, continúa batendo contra Chávez.
Capa do ABC

Esta mañá, o xornal madrileño evitou levar á capa da súa edición dixital as revelacións de Torres en relación á presunta implicación do propio Juan Carlos I no caso Nóos. Os novos datos sobre a presunta trama de corrupción que agora implica a un dos membros da Casa Real, Iñaki Urgangarín, publicounos a xornalista Alicia Gutiérrez en InfoLibre.es.

Na edición en papel o editorial de ABC fala de "estratexia" e de "cumprir a ameaza" de Diego Torres en relación ao seu caso e defende a postura do Rei "que afirmou na mensaxe de Nadal de 2011 que a xustiza é igual para todos". Finaliza asegurando que "por defectuoso que sexa o sistema xudicial este non pode caer na chantaxe".

Após oito páxinas adicadas á renuncia do Papa, o xornal madrileño trata o tema dos novos datos achegados por Torres como unha "fuxida cara adiante". para desautorizar as últimas probas do ex-socio de Urgangarín achegan a declaración de Francisco Camps, ex-presidente da Generalitat Valenciana e imputado en 2009 pola trama Gürtel.

Ataques a Chávez

O xornal que dirixe Bieito Rubido continúa cos seus ataques contra Hugo Chávez. Segundo o xornal madrileño "as fotos de Chávez non convencen" en relación ás imaxes que o goberno venezolano fixo públicas o sábado. Realiza un seguimento das protestas diante da embaixada cubana en Venezuela que o goberno dese país denominou "tarantín golpista".

Comentarios