domingo 19/09/21

Abandono na dirección do PSdeG "pola xente que rodea a Caballero"

Pilar López insta José Quiroga a deixar o posto tras as súas polémicas palabras sobre Gómez Besteiro e González Formoso.
Pilar López, ex alcaldesa de Sarria, nunha imaxe de arquivo (Foto: PSdeG).
Pilar López, ex alcaldesa de Sarria, nunha imaxe de arquivo (Foto: PSdeG).

A ex alcaldesa de Sarria e hoxe concelleira no municipio, Pilar López, explicou nesta quinta feira que decidiu abandonar a dirección do PSdeG-PSOE debeuse a "xente do partido" coma o responsábel de Organización, José Antonio Quiroga, quen na terza feira arremeteu contra o ex secretario xeral e ex presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

López remitiu o pasado 15 de xuño unha carta a Caballero, "o único" ao que debe explicacións, dixo, na que adiantaba e xustificada a súa saída "pola xente que ten ao seu redor".

"Á vista dos acontecementos desta semana quedou claro quen son", manifestou, en clara referencia a Quiroga. "Como noutras ocasións, o problema que tivo [Gonzalo Caballero] é a xente que se lle xuntou, e este señor dedicouse esta semana a botar serpes pola boca sobre Besteiro ou Formoso, e paréceme que xa non debería estar no partido", asegurou.

Así, a ex rexedora sarriá afirmou levar "moito tempo" advertindo ao secretario xeral "deste personaxe". "Leva moito tempo xogando a dúas bandas e agora unha delas acabóuselle. Vese que se lle esgota o tempo, mais non pode manter este espectáculo no partido e debe respectar a todos os compañeiros. Se el ten problemas, que os solvente con quen os teña", engadiu.

"A min non me quixo, e cos temas que pasaron no Concello de Sarria coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil [que preside Quiroga] cada vez estaba máis claro que lle molestaba", agregou a socialista.

Aliás, Pilar López, que non se presentará ás eleccións municipais de 2023, sostivo que "se de verdade Quiroga quere a Caballero, isto prexudícao".

"Se este señor ten dous dedos de fronte, ten que marchar, non xa que o expulsen, que se vaia el se ten decencia", concluíu.

comentarios