Secretario xeral do PSdeG

Gonzalo Caballero: “O Goberno de Núñez Feixoo está superado polos acontecementos”

Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) atende 'Nós Diario' ás portas do 25 de xullo e facendo oco nunha axenda que, recoñece, apenas deixa espazo para o descanso, mesmo no verán. Ten a resposta pronta cando as preguntas son sobre a xestión da Xunta e esquiva naquelas que abordan o futuro a curto prazo no PSdeG. 
gonzalo caballero foto arxina
photo_camera (Foto: Arxina)

Estamos a mediados de xullo e en plena quinta vaga da Covid, algo que hai uns meses ninguén imaxinaba. Que fallou?.

A vacinación é a fonte da esperanza, a mellor receita. En todo caso, é evidente que a pandemia non desaparece, hai gromos e está o risco das novas variantes. Por tanto, o que cómpre é cumprir os protocolos establecidos polos comités clínicos e sanitarios e instar á prudencia.

Agora a incidencia está afectando a poboación máis nova e corresponde manter a prudencia, especialmente a esa xente, á que non se pode criminalizar, na súa maioría un comportamento exemplar ao longo de todos estes meses de pandemia.

Creo que temos que avanzar nunha desescalada con cautela e naqueles lugares onde sexa conveniente deter a desescalada, facelo. E seguir a avanzar na vacinación para que en outono teñamos un nivel de inmunidade colectiva importante

Vostede reprocha a Feixoo ser “desleal” co Goberno español a respecto da xestión desta pandemia.

Esta fin de semana pasada, no Congreso do PPdeG, Feixoo dixo que o seu principal obxectivo era “colocar” Pablo Casado á fronte do Goberno español. E alí, no congreso, estaba tamén esa dereita ‘trumpista’ e reaccionaria que representa Díaz Ayuso. O PP está nunha liña moi conservadora, nin sequera asumiron o resultado electoral de 2019. Tampouco recoñecen que este Goberno de España adoptou unhas medidas, no medio da maior caída do PIB que se recorda, que protexeron a cidadanía: ERTES, ingreso mínimo... Foron actuacións diferentes ás políticas de austeridade e de axustes da dereita. O PP practica unha política farisea. Se Gobernasen, farían sufrir a cidadanía.

O que fai Feixoo é xogar sempre en clave do PP e non de presidente dos galegos e galegas.

E Feixoo foi nesa liña. Afirmaba que non habería vacinas até o segundo trimestre de 2021 e que o Goberno español enganaba, A realidade demostrou que non foi así. O que fai Feixoo é xogar sempre en clave do PP e non de presidente dos galegos e galegas. 

Hai pouco fíxose un ano das últimas eleccións galegas, nas que Núñez Feixoo volveu gañar. Que valoración fai daquela vitoria e da acción do Goberno galego neste ano?

Nós centrámonos en exercer unha oposición responsábel e cun proxecto alternativo ás políticas do PP. Neste tempo mostramos a nosa disposición ao diálogo e tendemos a man. Mais estamos ante un Goberno Feixoo que está superado polas circunstancias. Recibiu do Goberno español máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios para a Covid e non soubo que facer. Non mostrou capacidade ningunha de facer unha política económica activa para paliar os efectos da pandemia, non mellorou os servizos públicos, non se involucrou en crear emprego...

Na Galiza hai problemas que nesta pandemia ficaron máis aínda en evidencia, como o da sanidade pública e que fai Feixoo? Pecha 600 camas este verán, faltan pediatras e médicos de cabeceira...

E o mesmo en ensino, política industrial, servizos sociais... o Goberno galego non dá resposta. Prefiriu gardar 115 millóns de euros para política social no colchón a investilos nos galegos e galegas.  

Á volta do verán, Congreso do PSdeG. Vai presentarse para recuncar como secretario xeral? Que opina das voces que sitúan Valentín G. Formoso, Besteiro ou José Miñones como bos candidatos á secretaría xeral? Veos como rivais?

Eu estou volcado na defensa de políticas públicas que beneficien os galegos e galegas. E iso é o que nos pide a cidadanía, facer política a pé de país, percorrer os concellos, ofrecer políticas alternativas ás que formula o PP. 

As cuestións orgánicas serán atendidas, eu agora estou cómodo, o PSdeG do que son secretario xeral avanzou en todos os procesos electorais: municipais, estatais e galegas. En todas esas citas conseguimos máis apoio dos galegos e galegas. Agora estamos centrados en estar á altura das circunstancias para frear as políticas de recortes de Feixoo. Ese é o meu compromiso, ser un servidor de Galiza e defender un proxecto galeguista, feminista e progresista.

Eu agora estou cómodo, o PSdeG do que son secretario xeral avanzou en todos os procesos electorais

E as rebaixas da AP-9, para cando finalmente?

A rebaixa de peaxes para a AP-9 paréceme histórica, era unha débeda pendente con Galiza. Un Goberno progresista formulou un escenario de rebaixas que vai perdurar até o 2048, cunha importante aposta económica. Vai ser unha revolución para a mobilidade no eixo atlántico na Galiza, nunca se deu unha medida igual. É un salto cualitativo e un compromiso cumprido polo Goberno socialista que os galegos saberán recoñecer.

"O futuro pasa por máis competencias"

Ás portas do Día da Patria Galega, Caballero defende o PSdeG como un espazo "cunha clara compoñente galeguista e federalista". Cita nomes como Ramón Piñeiro ou Ceferino Díaz para defender a cerna "galeguista" dos socialistas e quer desligar este concepto de calquera acepción a ver con "nacionalismo" ou "independentismo". "Traballamos por Galiza e para Galiza, sempre en clave de cohesión social", mantén. 

"O 25 de xullo é unha oportunidade de celebrar e festexar a nosa identidade galega. Nós non somos nacionalistas nin independentistas, cremos nunha España plural, federal", reitera.  

Para Caballero, o estatuto de autonomía de 1981 aínda ten vigor e non lle ve data de caducidade se ben, apunta, "cremos que hai que abordar os retos de futuro, asumindo novas competencias para Galiza"

Comentarios