A oposición pon a Feijóo contra as cordas: queren xa unha data e eleccións ''sen pucheirazos''

O presidente da Xunta evita pronunciarse sobre un posíbel adianto electoral, mais ten até a terza para tomar unha decisión. Mentres, Pedro Puy di que o proceder en Euskadi non marcará os tempos na Galiza

Após coñecer o anuncio feito polo lehendakari Patxi López sobre o adianto das eleccións en Euskadi para o 21 de outubro, púxose enriba da mesa a pregunta de se o presidente da Galiza, Alberto Núñez Feijóo, irá detrás do mandatario vasco e fará cadrar, máis unha vez, os comicios nos dous territorios, como aconteceu en 2009.

Na visita á capela ardente de Avelino Pousa Antelo, no concello de Teo, Feijóo evitou a prensa argumentando que non era o lugar para facer declaracións ao respecto. Mais a conta atrás para que o conservador se pronuncie remata na terza da semana que vén, pois a lei electoral contempla que deberá disolver o Parlamento con 54 días de antelación respecto do día das eleccións.

Quen si falou, aínda que non aclarou nada, foi o voceiro parlamentar do PP, Pedro Puy. En declaracións aos medios afirmou que a decisión do lehendakari, adoptada nun Consello de goberno extraordinario, non vai condicionar o calendario electoral galego e lembrou o xa sabido: que a decisión de adiantar ou non adiantar os comicios depende do presidente da Xunta.

BNG e PSOE queren ''eleccións limpas'' e saír ''da incerteza''
Carme Adán polo BNG e Pachi Vázquez polo PSOE trasladaron ao titular da Xunta as exixencias de ambas as dúas formacións políticas respecto da posibilidade de que Feijóo non deixe rematar a lexislatura e adiante os comicios. Así as cousas, Adán subliñou que a situación económica, social e política que atravesa o noso país é "de emerxencia nacional" e, na liña, instou a Feijóo a que, de turrar até outubro pola data dunhas eleccións que serían en marzo, "concorra a unhas eleccións limpas, sen levar adiante o seu pucheirazo".

Pachi Vázquez, pola súa banda, non se referiu á redución de deputad@s que amasa o PP. Pediu unicamente a Feijóo que aclare a data das eleccións "e remate con este proceso especulativo que produce incerteza". Dixo Vázquez que respectará a decisión que adopte o dos Peares, mais que deberá facer público o calendario electoral nacional.

Partindo dun panorama en que Galiza posúe a día de hoxe "un goberno totalmente inactivo" --en palabras de Carme Adán--, "o que non pode facer é reducir o autogoberno". Concluíu a nacionalista dicindo que rebaixar o número de parlamentares sería "un erro histórico".

Comentarios