SÚMASE Á PETICIÓN DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN

A Mesa reclama ao Parlamento o cesamento do Valedor

A Mesa pola Normalización Lingüística reclama ao Parlamento o cesamento inmediato de Benigno López, Valedor do Pobo xa que, ao seu ver “carece de rigor e credibilidade para continuar no cargo”.
Carlos Callón, reelexido presidente da MNL
photo_camera Carlos Callón, presidente da MNL

A solicitude da MNG súmase á posición defendida polos grupos parlamentares do PSOE e BNG que anunciaron a formalización de iniciativas para reclamar o cesamento do titular dunha institución que se atopa na maior crise da súa historia.

Para a MNL, Benigno López “non para de acumular despropósitos e ataques contra os dereitos cidadáns que debería defender”. Acusou Carlos Callón, presidente da Mesa, que a traxectoria do Valedor evidencia un “proceder radicalmente pro-PP e moi pouco institucional”, como a entidade denunciou en diversas ocasións.

Fai fincapé Callón, nos problemas que o Valedor tivo no seu mandato con respecto á lingua galega e denunciou unha vez máis a práctica de non admitir a trámite queixas arredor do incumprimento dos dereitos lingüísticos que, polo tanto, nin chegaban a aparecer no anuario presentado pola institución. Para Callón, a “fobia obsesiva” de López coa lingua ven  xa do seu tempo de maxistrado, cando non admitía o topónimo A Coruña e na institución que agora preside “chegaron xa desde o día seguinte da súa desafortunadísima elección, en que demostrou que non era o Valedor do Pobo, senón o Valedor de Núñez Feijóo”.

A MNL anuncia tamén que, se antes do día 17 de maio, Benigno löpez non abandona o posto de Valedor por dimisión ou cese, “será un clamor” na manifestación convocada para ese día pola plataforma Queremos Galego.

A poucos meses de rematar o mandato de cinco anos diante do Valedor do Pobo, a institución sofre a maior das súas crises. As declaracións xustificando os recortes sociais e aprobando a eliminación da lei da dependencia orixinaron a dimisión da vicevaledora e a petición dos grupos do PSOE e o BNG do seu cese. A lexislación esixe un amplo consenso parlamentar para o nomeamento do Valedor do Pobo. A lei recolle que a candidatura será presentada ao Parlamento pola Comisión de Peticións e requerirá unha maioría de tres quintos para a súa aprobación. O papel do Valedor é, segundo a lei, “a defensa no ámbito territorial da Comunidade Autónoma dos derietos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidas na Constitución ademais da “tutela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de Autonomía”.

Comentarios