A Deputación de Lugo é a administración do Estado que máis incrementou o gasto destinado a Benestar

De todas as administracións locais, autonómicas e estatais, a Deputación de Lugo é a que rexistra un maior incremento no gasto destinado a Benestar Social. O organismo provincial incrementou, nesta área gobernada polo BNG, máis de un millón de euros no último exercicio.
Mario Outeiro na súa intervención
photo_camera Mario Outeiro na súa intervención


O incremento de 1.075.000 euros no orzamento levan á Deputación de Lugo a se situar á cabeza dos organismos que aumentan o investimento destinado a servizos sociais, unha vez que boa parte das administracións están a recortar o gasto nesta área de xestión. “Responde á vontade deste goberno de que a crise non opere como un factor que aumenta as desigualdades sociais entre os que menos teñen e, por suposto, ao compromiso do noso grupo coas maiorías sociais” apuntou o nacionalista Mario Outeiro na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, ao tempo que contrapoñía a xestión política desta área do goberno provincial coas políticas de recortes sociais que imperan na maior parte das administracións.

A Deputación de Lugo vén de facer tamén un requirimento á Xunta por deixar sen cobertura social os concellos de menos de 20.000 habitantes a quen retirou os cartos destinados a Axudas no Fogar que se tiñan que computar nos orzamentos. De non obter resposta da Xunta, a Deputación xa anunciou que irá ao contencioso co fin de evitar a perda de 2.000 postos de traballo e que 3.000 persoas fiquen sen Axudas no Fogar.

Comentarios