18-F

200 autobuses do PP e un DJ para 'conquistar' a cidade de Pontevedra

O Partido Popular quer lograr un “pleno histórico” da praza de touros da cidade para arroupar Alfonso Rueda, Núñez Feixoo e Mariano Raxoi.

Alfonso Rueda, Mariano Raxoi, Alberto Núñez Feixoo e Paula Prado, na praza de touros de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, Mariano Raxoi, Alberto Núñez Feixoo e Paula Prado, na praza de touros de Pontevedra nun mitin en 2023. (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular non quer pinchar en Pontevedra, circunscrición pola que se presenta o seu candidato á reelección na Presidencia da Xunta e cidade que desde hai case dúas décadas está gobernada polo BNG, a quen ese andidato sitúa como a forza que. A escolla da praza de touros para o seu acto principal desta fin de semana de campaña para o 18-F obriga a  mobilizar miles de persoas das súas bases, de aí que estes fosen días intensos de chamadas telefónicas e apelacións a adscritos e simpatizantes a acudir a Pontevedra.

O PP mobiliza case 200 autobuses para lograr un "pleno histórico" no coso pontevedrés. O candidato coincidirá por primeira vez con Feixoo este sábado e en máis ocasións durante a campaña, aínda que o líder do PP español ten axenda propia nesta campaña.

Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feixoo e o ex presidente español Mariano Raxoi  protagonizarán na tarde deste sábado o mitin central da campaña previo aos comicios do 18 de febreiro, para o que os 'populares' volveron a elixir a praza de touros de Pontevedra, onde esperan "un cheo histórico".

Rueda, quen esta semana desde Madrid afirmou que esperaba a asistencia de 14.000 militantes e simpatizantes -aínda que o recinto ten capacidade para 12.000-, ratificou que confía en que haxa un "cheo histórico" vendo "a recepción, mobilización e motivación" do partido.

"Imos ter actos de moito empuxe e de moita potencia durante a campaña; pero este é un acto central e, segundo os datos que me contaban hoxe, teremos un cheo histórico. O ambiente vai ser fantástico", augurou, antes de insistir en que o aforo está "absolutamente completo".

Pola súa parte, a secretaria xeral do PPdeG e directora de campaña, Paula Prado, dixo que a previsión é que chegarán a Pontevedra case 200 autobuses procedentes desde "todos os puntos da Galiza".

Máis que un mitin político, Paula Prado considera que o deste sábado será "unha festa" na que "vai haber DJ" para animar todo o público asistente porque o Partido Popular quere converter o coso de San Roque "na praza de todos". "desde a que queremos axudar, apoiar e empuxar a Alfonso Rueda á Presidencia da Xunta de Galiza", aseverou.

Comentarios