18-F

O PP ponse “nostálxico” e versionea o 'Xuntos', de Juan Pardo, que xa usaba Fraga nas súas romarías

“Somos un partido con moita historia”, afirmou Rueda

Fotograma do vídeo compartido polo PP esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fotograma do vídeo compartido polo PP esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Na tarde desta mesma cuarta feira, a secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, publicaba no seu perfil da rede social X unha crítica ao PSdeG por realizar un vídeo electoral moi semellante ao que a formación socialista utilizou en 2016, daquela con Xoaquín Leiceaga como candidato a presidir a Xunta da Galiza.

“8 anos despois: mesmo vídeo, mesma falta de ideas...”, afirmaba Prado.

 

Porén, pouco máis dunha hora despois, o PP lanza unha canción na que fai unha versión o clásico 'Xuntos', do artista galego Juan Pardo, como "himno da Galicia que funciona" para a campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro, un tema que xa empregaba o que fora ministro franquista Manuel Fraga nas súas romarías populares cando era presidente da Xunta.

A través das redes sociais, o presidente e candidato do PP, Alfonso Rueda, presentou este tema deste xeito: "Somos un partido con moita historia, pero tamén con moito futuro. Por iso recuperamos un clásico e dámoslle unha volta para adaptalo".

Nun comunicado, o PP explica que esta nova versión mestura sintetizadores e guitarras eléctricas con “elementos do folclore tradicional galego”, ademais de cambiar "o orixinal en clave pop para reconvertela nunha 'muiñeira' rock".

Os populares sinalan que esta canción "pertence á historia da Galiza". "Por iso, para non esquecer nunca de onde vimos, todo o que levamos feito e, sobre todo, o moito que queda por facer, esta recomposición ten como obxectivo volver unir a toda a Galiza".

 

Comentarios