A dimisión de Marta Fernández-Tapias desvela a crise do PP en Pontevedra

A voceira do PP de Vigo fai parte do círculo máis próximo de Rueda
Marta Fernández-Tapias, Alfonso Rueda e Luís López no acto de fechamento de campaña das eleccións locais en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Fernández-Tapias, Alfonso Rueda e Luís López no acto de fechamento de campaña das eleccións locais en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A saída de Marta Fernández-Tapias da política institucional ten data. A que foi candidata do Partido Popular á Alcaldía de Vigo nas eleccións locais do pasado mes de maio, voceira do PP na cidade e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, confirmou esta sexta feira nas súas redes sociais que, iniciará "unha nova etapa” após os comicios galegos do 18 de febreiro. Neste sentido, asegurou na súa conta de X: "Aposto pola miña vida persoal e iso correspóndeme a min".

A renuncia de Fernández-Tapias, avanzada pola vicesecretaria xeral do PSdeG en Vigo, Yolanda Aguiar, volve situar os populares na crise interna na cidade olívica e desvela a profunda de división do PP en Pontevedra, entre o sector ligado ao presidente da Deputación, Luís López ‘Lugués’, e diversos dirixentes das máis importantes agrupacións locais do partido na circunscrición, cun peso decisivo en localidades como Vigo ou Pontevedra.

Fernández-Tapias aspirou á Presidencia da Deputación de Pontevedra após as pasadas eleccións locais. Neste sentido, postulouse como candidata fronte ao actual mandatario Luís López ‘Lugués’, que logrou o cargo grazas ao apoio dos rexedores do Deza, O Salnés e O Condado.

Naquela batalla, Marta Fernández-Tapias contaba co apoio do aparato do partido e do propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de cuxo círculo próximo fai parte desde hai moitos anos a aínda voceira do Partido Popular vigués.

Precisamente, o papel de Rueda foi determinante para que Fernández-Tapias lograse o nomeamento de candidata na cidade olívica, no marco dun conflitivo proceso de primarias que a confrontou ao daquelas senador, Javier Guerra.

Comentarios