domingo 23/01/22

''Nas enquisas do Govern balear antes de impor o decreto plurilingüe, o 87% pediu ensino en catalán''

A oposición que nas Illes Balears agromou en contra da política lingüística do Executivo de José Ramón Bauzá cóntase en milleiros de persoas. Foron milleiros (70.000) @s que rexeitaron a reforma da Lei de función pública, acompañ[email protected] por dúas persoas en folga de fame. E milleiros (120.000) foron @s que fixeron parte da 'maré verde' contra a imposición do español no ensino. Das agresións do PP ao catalán falamos con Tomeu Martín, activista da Obra Social Balear.

tomeu_marti_dentro
Tomeu Martí [SG]


"Para o 29 de setembro gardamos a manifestación máis masiva que houbo nas Balears", dixeron as entidades organizadoras. E foi tal que até o Goberno español a través da súa delegación nas Illes se viu abocado a recoñecer 80.000 persoas nas rúas, das 120.000 que se mobilizaron.

Unha maré verde que fixo historia e que serviu para defender o ensino público; para rexeitar o TIL ou Tratado integrado de linguas, un 'decretazo' do trilingüismo copiado do galego e que deixa no 33% a presenza do catalán nas aulas; e para apoiar @s milleiros de docentes que fan greve indefinida desde o 16 de setembro en contra dunha norma aprobada, segundo o Govern, "porque é importante saber inglés".

Aliás, o Govern calcou non só o decreto, senón tamén os argumentos para o impoñer que o PP deu na Galiza: "porque é un compromiso eleitoral avalado nas urnas" e porque "xa é hora de que a minoría respecte a maioría". Porén, no país catalán insular, a maioría é, xustamente, a que rexeita o lingüicidio.

Con este decreto o PP está a botar abaixo un modelo impulsado... polo propio PP?

Así é. A presenza do catalán no ensino estaba regulada por unha norma promovida en 1997 polo Govern de Jaume Matas. Non nos imos enganar: foi froito da presión popular e o apoio de Matas foi, máis do que iniciativa propia, habilidade política.

"O decreto aprobado por Jaume Matas en 1997 garantía polo menos o 50% das aulas en catalán"

Que porcentaxe das aulas se reservaban para o catalán?

Era un 'decreto de mínimos' --así mesmo foi denominado-- e garantía que polo menos o 50% se impartise na lingua propia. O catalán foi fixado como lingua das Illes no Estatuto de autonomía, en 1983. Ao igual que o galego, estivo prohibido para usos sociais durante a ditadura.

Hoxe os últimos dados que manexamos, que son de hai oito anos, sinalan que o 90% da poboación entende o catalán, o 75% pode ler nesta lingua e o 50% é quen de a escribir. O uso é menor nas grandes cidades que nas localidades do interior, mais cómpre tomar en conta tamén que a metade da nosa poboación non naceu nas Balears.

E o decreto anterior, cumpríase?

[ri] Aquí non podo responder con dados na man porque non os manexamos. Porén, a información que nos chega desde as asociacións de nais e pais e outros colectivos da comunidade educativa é que hai centros onde se imparten en catalán o 100% das aulas. Mais tamén sospeitamos que haberá outros onde non se respecte a porcentaxe mínima, claro.

Daquela, houbo unha demanda social que reclamase mudar aquela norma?

Non, o que houbo foron unhas eleccións a mediados de 2011 --o 22 de maio-- onde quen acadou a vitoria foi un PP moi extremista e moi españolista liderado por --José Ramón-- Bauzá, un home que sente noxo de ser presidente das Illes e que procura aquí unha catapulta para ter un cargo en Madrid. O noso presidente odia a nosa lingua e a nosa cultura. Nada máis chegar ao Govern, comezou a desmantelar o equilibrio lingüístico que había até daquela.

[O 'decreto de mínimos' foi aprobado o 4 de xullo de 1997 por un goberno que presidía Jaume Matas. A manobra electoralista do conservador, que non fixo máis que plasmar nunha norma a demanda da cidadanía en prol dun ensino público en catalán, non sentou ben na rúa Génova. Expresións como 'imposición do catalán' ou 'discriminación do castelán' agromaron canda unha declaración 'pola liberdade para escoller lingua'. Segundo o PP, garantir unha presenza do 50% á lingua propia nas aulas "impide estudar en español"]

"Amparáronse nunha suposta liberdade de elección de linguas e repartiron unha enquisa entre os pais. A súa sorpresa foi maiúscula: só o 13% das familias escollera español"

Fixo o Govern de Bauzá unha consulta ás familias para escoller a lingua vehicular?

Si. Amparáronse nunha suposta liberdade de elección de linguas, intentaron copiar o modelo galego e repartiron unha enquisa entre os pais. Porén, a súa sorpresa foi maiúscula cando se atoparon co dado de que só o 13% das familias escollera español. O resto ou ben pediu catalán ou ben aceptaba o modelo que funcionaba no seu centro de ensino.

Foi entón cando repartiron unha segunda enquisa, desta volta só con dúas posibilidades de escolla: ou catalán ou español. O resultado foi o mesmo: o 87% riscara en prol da inmersión en catalán. Con todo, dun día para outro sacaron da manga a estratexia do trilingüismo. 

A resposta da comunidade educativa foi histórica. Coa greve indefinida do profesorado desde o 16 de setembro, o día 29 foron 120.000 as persoas que se mobilizaron en contra do TIL e da españolización do ensino.

[As cotas do 33% para catalán, español e inglés foron aprobadas o 24 de setembro de 2013 no Parlament balear co apoio da maioría absoluta do PP e o voto en contra de toda a oposición e no medio dunha greve na comunidade educativa que ía xa pola oitava xornada]

"Coa greve indefinida do profesorado desde o 16 de setembro, o día 29 foron 120.000 as persoas que se mobilizaron en contra do TIL"

Porén, o primeiro ataque do PP contra o catalán non foi no ensino. Que presenza ten esta lingua nos medios de comunicación públicos?

Diciamos antes que as eleccións que levaron Bauzá ao Govern foron en maio de 2011 --o día 29--. Pois seis meses despois --o 9 de decembro de 2011-- decretouse o peche da televisión e da radio públicas de Mallorca, Televisiò de Mallorca e Ona Mallorca, após cinco anos de emisións integramente en catalán e facendo información de proximidade. 

Austeridade?

Foi o que argumentaron desde o Govern, priorizar recursos e reducir a débeda. Porén, as razóns verdadeiras son unicamente políticas e teñen a ver co importante papel que xogaban ambos os dous medios na normalización lingüística, na denuncia da corrupción e na recuperación da memoria histórica. 

Outro dos medios onde se puxo en marcha a "liberdade de elección de lingua" foi na canle IB3. Toda a programación de ficción, isto é, filmes e series, emitíanse por defecto en catalán e ofrecíase a posibilidade técnica de mudar a lingua, ben polo castelán ben pola versión orixinal. Bouzá eliminou o catalán de entre as opcións. Esta decisión é, se cabe, máis sangrante aínda e evidencia as políticas contra a nosa lingua: xa non se substituíu o catalán polo castelán senón que, existindo a posibilidade real de que cadaquen escollese, tal posibilidade foi eliminada.

"Con seis meses no cargo, Bauzá pechou as públicas Televisiò de Mallorca e Ona Mallorca, após cinco anos de emisións integramente en catalán e facendo información de proximidade"

A manifestación de setembro foi a segunda gran mobilización pola lingua que se realizou nas Illes Balears en pouco máis dun ano. A primeira foi en marzo de 2012, contra a reforma da Lei da función pública que finalmente foi adiante. Que cambios carrexou en materia lingüística?

Contra esa reforma as mobilizacións foron tamén intensas. Dúas persoas puxéronse en greve de fame e houbo un grande protesto o 25 de marzo en que tomaron parte por volta de 70.000 persoas. Encetouse, aliás, unha campaña que culminou coa presentación de 12.000 alegacións.

Porén, malia todo este movemento en contra, a lei saíu para adiante o 17 de xullo. Ao pouco tempo, 50 senadores do PSOE presentaron un recurso perante o Tribunal Constitucional ao entender que eliminar a obriga de que o persoal da función pública coñeza o catalán vai en contra da Constitución española.

[[O profesor Jaume Bonet, membro da asociación Jubilats per Mallorca, estivo en greve de fame 26 días para protestar contra a política lingüística de Bauzá. O 27 de marzo outra persoa tomou o relevo. Foi Tomeu Amengual, tamén integrante da mesma asociación, quen prolongou a reivindicación até o 11 de abril. A respeito do recurso de inconstitucionalidade perante o TC contra unha lei que foi refrendada no Parlamento, aquel só pode ser presentado por 50 integrantes das Cortes [email protected] ou [email protected] ou polo Defensor do pobo]

"Os docentes colocaron riba da mesa unha proposta: que a nova norma sexa sometida a referendo en cada centro educativo"

O Tribunal Constitucional ditou sentenza nesta semana. Contra o que fixera no caso de Catalunya, desta volta avalou a lei aprobada polo Executivo de Bauzá. Agardaban este final?

Non. O certo é que a maioría social que nos opoñemos a esta Lei considerabamos que o recurso estaba gañado. Con todo, teño que dicir que tampouco me sorprende. Como ti dixeches, a sentenza é contraria á propia doutrina do TC. Mais non só iso, senón que o feito de que fora ditada en menos dun ano cando este tribunal adoita demorar oito ou nove as súas resolucións... chega a ser sospeitoso.

Hai máis. O Tribunal Constitucional está presidido por un militante do PP --Francisco Pérez de los Cobos preside o TC desde 2013-- moi vinculado a Mallorca porque foi profesor na Universitat de les Illes Balears, polo que todos coñecemos o seu posicionamento en contra da normalización lingüística do catalán e en contra da nosa lingua. Realmente, se os maxistrados que o compoñen van votar sempre de maneira partidaria, este órgano é prescindíbel porque non garante a imparcialidade.

"Contra a Lei de función pública do Govern houbo mobilizacións intensas, 12.000 alegacións en contra e unha greve de fame" 

[A sentenza avala que para opositar nas Balears non se exixa coñecemento do catalán ao considerar que "no trato preferente do castelán non existe discriminación" da única lingua propia das illas. Na sentenza sobre o Estatut de Catalunya o TC si exixía que o persoal da función pública coñeza este idioma "para dar satisfacción ao dereito da opción lingüística" da cidadanía]

Houbo achegamento entre a comunidade educativa e o Govern para desconvocar a greve?

Non. O Govern segue enrocado na súa teima de impor o decreto. Os docentes colocaron riba da mesa unha proposta: que a nova norma sexa sometida a referendo en cada centro educativo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

''Nas enquisas do Govern balear antes de impor o decreto plurilingüe, o 87% pediu...
comentarios