O FUNDAMENTAL é A "FOLLA DE ROTA", NON A PRESIDENCIA DA GENERALITAT

Mas facilitará o acordo coa CUP

Non haberá problema Artur Mas. O líder de Convergència le os resultados do 27S en chave partidaria e non persoal. "Este non é o tema trascendental", dixo aos meios nunha comparecencia o día seguinte á vitoria do bloco independentista, ao ser perguntado sobre a súa candidatura á presidencia. E cal é o tema trascendental? A "folla de rota" cara á independencia.

Junts pel Sí
photo_camera Junts pel Sí


O bloco independentista suma 72 escanos nun Parlament de 135, mas a día de hoxe aínda non hai candidata ou candidato conxunto a presidir un Govern que vocacionalmente será provisorio e co mandato claro de preparar o país para a independencia. O que é certo é que o Executivo non estará liderado por Mas, sendo que o aínda presidente da Generalitat (en funcións) non ten o apoio da CUP, que lle reprocha as súas políticas neoliberais e as súas conexións co clan Pujol, isto é, a súa proximidade con prácticas de corrupción.

Anna Gabriel (CUP): "O procés non é unha persoa e habémonos de manter nesta posición"

Mas deixou claro que para el o fundamental non é quen sexa presidente, senón alcanzar un acordo coa Candidatura d'Unitat Popular -grande triunfadora da xornada eleitoral ao pasar de 3 a 10 escanos- que permita continuar co procés.

Aliás, isto non significa que de entrada Junts pel Sí renuncien a apresentar Mas como candidato. "Entre os acordos que temos [en Junts pel Sí], un é que se me propoña a min como presidente. Non hai nada máis que engadir". 

Mentres, a CUP explicitou máis unha vez que Mas non terá os seus votos. Por boca de Anna Gabriel, a súa número 2, a Candidatura d'Unitat Popular afirmou: "A xente non pode identificar o próximo presidente cos retallamentos e a austeridade. O procés non é unha persoa e habémonos de manter nesta posición".

Máis en Països Catalans
Comentarios