EUA conta cun informe sobre a independencia de Catalunya

Titulado Independencia en Europa: secesión, soberanía e Unión europea, o documento analiza os procesos soberanistas en Escocia, Flandes e Catalunya. O seu autor debulla as posibilidades de se producir unha ruptura real e as tensións xeradas pola negativa do Estado español que considera "preocupantes".
Estelada, bandeira pola independencia de Catalunya
photo_camera Estelada, bandeira pola independencia de Catalunya

Os EUA camiñan un paso por diante dos acontecementos. Se ben os cables diplomáticos destapados por Wikileaks xa amosaban certo interese por parte do aparello diplomático estadounidende perante unha posíbel independencia catalá --que fixaban no nivel 3 dunha escala de 5-- a publicación dun informe elaborado polo especialista en dereito internacional Christopher K. Connolly, deixa claro que os EUA están a analizar os procesos soberanistas iniciados no seo da Unión Europea.

Connolly visa preocupante a "dura posición española" fronte ao dereito de autodeterminación do pobo catalán 

A posíbel re-configuración comunitaria e, sobre todo as posibilidades de que esta se leve a porto ao abeiro da lexislación internacional centran o informe presentado por Connolly ao Departamento de Xustiza da administración ianqui. Neste senso, o informe asegura que o dereito internacional recoñece a través do dereito a decidir dos pobos a posibilidade destes a se independizar --como recolle a Carta das Nacións Unidas e a Resolución 2625 da Asemblea xeral-- aliás asegura que casos como o do Quebec sentan un precedente nas veleidades secesionistas noutras nacións sen Estado europeas como Catalunya, Flandes ou Escocia.

No entanto, continúa Christopher K. Connolly, a diferenza do caso canadense ou británico --que contan co visto e prace da metrópole para levar adiante a consulta popular-- a Constitución española e o ordenamento xurídico que dela emana rexeita e prohibe de facto calquera proceso democrático que garanta a capacidade de que o pobo catalán poida decidir sobre o se futuro político e xurídico. Así mesmo, salienta o documento, o Estado español autoriza o uso da forza para combater calquera intento de ruptura. Cuestión que ao entender de Connolly resulta "preocupante" desde unha perspectiva legal e política.

Máis en Països Catalans
Comentarios