Unha deputada do PP nas Illes ameaza a nais e pais con lles quitar a custodia das crianzas se seguen coa greve do ensino

Publicou un chío no Twitter coa advertenza dando por certo o que conta un columnista de 'El Mundo' que define a greve como unha ''tropa soberanista nutrida de descerebrados'. O protesto iniciouse hai máis dunha semana após a aprobación do decreto do 'Tratamento integral das linguas', que reserva para o catalán nas aulas a mesma porcentaxe, o 33%, que para español e inglés. 


"Pais están obrigados a levar fillos a escola. De non ser así, TM ten potestade para retirar a custodia. art FMerino hoxe en @elmundobaleares". Foi o chío que publicou na súa conta persoal do Twitter Ana María Aguiló, deputada do PP nas Illes Balears, e onde "TM" significa Tribunal de Menores. 

É dicir, no marco dunha greve que se prolonga xa durante nove días en contra da aplicación do decreto do Tratamento integral das linguas (TIL) --unha norma copiada do 'decretazo' galego e que obriga a impartir o 33% das aulas en inglés en detrimento do catalán-- unha persoa que ocupa un cargo público ameaza desde unha rede social ás nais e pais que secundan o paro con mover ficha para que lles retiren a custodia das súas crianzas. E todo isto dando por certo o que conta un columnista de El Mundo, Fernando Merino, nun artigo publicado na edición balear que leva por título 'Obstruír' e en que tilda as persoas que fan greve de "tropa soberanista nutrida de descerebrados".

Varrer o catalán das aulas

Nais e pais organizaron quendas rotativas co persoal docente para que este último non carrexe con todas as responsabilidades --laborais e económicas-- derivadas do protesto contra o TIL, impulsado polo Govern balear, en mans do PP.

Ao igual que fixo a Xunta da Galiza cando este partido chegou ao poder en 2009, tamén nas Illes pretenden varrer o catalán das aulas aplicando un decreto que contempla que só o 33% das materias se impartirán na lingua propia, fronte ao 66% que se impartirán en lingua estranxeira: español e inglés.

A deputada do PP di que as crianzas son usadas ''de reféns''

Após aplaudirse a si propia polo suposto efecto que causou a publicación do seu chío --"vexo que se puxeron moi nervosos ao lles recordar a lexislación aplicábel e a existencia dun órgano que defende o menor"--, a deputada Aguiló explicou que non pretendía ameazar a nais e pais, senón que actuara ao se ver "na obriga de lles recordar que o menor ten o dereito e o deber de asistir aos centros educativos". E acrecentou: "se o traballador quere facer greve que a faga, mais que non empregue os nenos como reféns".

Nas Illes, o catalán foi lingua vehicular no ensino durante décadas e en moitas escolas públicas apostaron pola inmersión. O decreto racha con esta política educativa ao dispor que tanto esta lingua coma o castelán e o inglés son "ferramentas para impartir materias de maneira equilibrada entre as tres". E xa de paso, a comunidade educativa balear protesta tamén polos recortes no ensino público, que se cebaron, ao igual que na Galiza, co profesorado, cos salarios, coas bolsas, co transporte e cos comedores escolares. 


Máis en Països Catalans
Comentarios