A CUP pide ''pasos irreversíbeis” cara á independencia previos á investidura

Evita falar de nomes, rexeita “cargos” e empraza Junts pel Si a facer xestos firmes de ruptura con España. Asegura que no proceso “non sobra ninguén”.

CUP

Non se trata tanto de 'quen' senón de 'que', 'cando', 'como' e 'para que'. A CUP quere que Junts pel Si faga xestos “irreversíbeis” de que aposta en avanzar cara a independencia e a ruptura con España previos a debater sobre a investidura. Así o manifestou na conferencia política que baixo o nome de 'Para gobernarnos, loitemos pola república' realizou na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona ante un ateigado auditorio. A CUP dixo que quere “pasos irreversíbeis” cara a indepencia e que iso é o importante, máis que falar de nomes e  da investidura.

Nunha conferencia coral na que tomaban parte 7 d@s 10 deputad@s da CUP, foi o número tres, Josep Manel Busqueta, o que puxo sobre a mesa tres das condicións que a CUP poría para negociar con JpS: ruptura democrática, proceso constituínte e un plan de “choque social” urxente. Busqueta, rexeitou "cargos" e identificou Junts pel Sí como a "única formación que debe formar goberno" en Catalunya, para tirar adiante un proceso soberanista no que “non sobra ninguén”.

As tres condicións da CUP: ruptura democrática cara á independencia, proceso constituínte e plan de 'choque social' urxente

De por parte, Ana Gabriel,  tamén parlamentar elexida nas pasadas eleccións, asegurou que o 27S gañou unha maioría favorábel a iniciar un novo camiño e quer aí a “chave” pasa por “riba de partidos” e de “saidas persoais”. “Non se pode construír unha República catalana dentro da legalidade española”, dixo Bernat Salellas, deputado eleito e avogado do preso independentista galego Carlos Calvo. “Hai que rachar nalgún momento”. O candidato no 27S, Antonio Baños, falou doutra das prioridades da CUP; implicar a máis e máis xente na construción do novo Estado catalán. Defendeu que o Parlament evolúa para pasar ser unha "asemblea constituínte" á marxe "da legalidade española".

Romeva, recibido con berros de 'President!'

O cabeza de lista de Junts epl Si, Raul Romeva, foi convidado a esta cita da CUP, onde foi recibido por alhundas das persoas presentes aos berros de 'president!". Finalizado o acto, declinou facer valoracións á imprensa. "Os protagonistas son eles, nós viñemos escoitar e tomar nota".

Máis en Països Catalans
Comentarios