Colau apoiará a independencia se o soberanismo ten maioría o 27S

A alcaldesa de Barcelona recoñece que as eleccións cataláns que decorrerán en apenas un mes son “excepcionais”.

Ada Colau _ Marc

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, comprometeuse a dar apoio ao proceso independentista se das eleccións do 27S sae unha maioría das forzas soberanistas. Así o recollen medios como Vilaweb ou Nació Digital, que indican que a rexedora non aclarou se este apoio se produciría se deses comicios saía unha maioría de escanos de Junts pel Sí e CUP, ou ben pediría que fose unha maioría de votos. “Iso terémolo que valorar no momento en que toque” afirmou Colau.

“Este goberno municipal sempre estará con aquilo que democraticamente decidan os veciños da cidade e o pobo de Catalunya, sexa nestas eleccións, nun referendo ou en calquera outra cita democrática que haxa”, dixo a alcaldeda de BCN nunha entrevista na SER Catalunya. Colau tamén afirmou que os comicios do 27S van ser “excepcionais” como consecuencia “dunha actitude arrogante e prepotente” por parte do Partido Popular.

En canto ás formacións que concorren nestes comicios, Ada Colau non quixo entrar en apoios ou simpatías por algún dos contendentes, desmarcándose de todas, tamén da de Catalunya Si que es Pot (onde vai Podemos). “Somos unha candidatura municipalista, que non ten unha expresión de ámbito catalán e valoraremos cal ha ser o noso posicionamento no contexto das eleccións cataláns”.

Máis en Països Catalans
Comentarios