CiU afirma que o 9N haberá urnas “e poñeraas o goberno”

A federación asegura que a Generalitat “asumirá todas as súas responsabilidades”. O ‘Pacte Nacional pel Dret de Decidir’ reúnese esta sexta para avaliar a fase final do proceso.

Voto eleccións
photo_camera Voto eleccións

“O 9N haberá urnas e poñeraas o goberno” é a vontade que CiU, a federación que goberna Catalunya, expresou a través dunha campaña nas redes sociais após se coñecer que o Tribunal Supremo avalaba a suspensión da consulta alternativa do 9N. O coordenador xeral de CDC, o socio maioritario da coligación, afirmou que a Generalitat “asumirá todas as súas responsabilidades” ao tempo que Josep Rull aclaraba que esa posición non era “un acto de insubmisión ou desobediencia”.

Jordi Turull, portavoz de CiU, manifestou que a Generalitat “velará porque todo vaia ben e asumirá todas as súas responsabilidades. As urnas xa están no seu lugar”.

Tamén nas últimas horas desde o goberno central estanse a cxogar varias bazas. Así, mentres o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, apontaba a que se permitiría a consulta se esta non era promovida pola Generalitat, a delegación do goberno español en Catalunya enviaba cartas a directores de centros de ensino advertíndolles que non fagan nada que poida ir contra a decisión do Tribunal Constitucional.

O Pacte Nacional pel Dret de Decidir reúnese nesta sexta feira, convocado polo president Artur Mas. O PNDD agrupa a máis de 3.000 entidades e colectivos a prol da consulta. O seu coordenador, Joan Rigol, afirma nunha entrevista que o Pacte está preparado para xestionar o 9N “mais non será necesario”.

Eco mediático

Máis de 600 xornalistas deslocaranse esta fin de semana a Catalunya para cubrir ao vivo a consulta catalá. Entre eles, un equipo de Irmandade TV no qe participan os colaboradores de Sermos Galiza Aurelio Lópes e Antón Escuredo. 

Máis en Països Catalans
Comentarios