COMEZA A CAMPAñA

Catalunya: caldeirada de enquisas

Comezamos con este texto da autoría do noso colaborador Rubén Permui unha serie de artigos, entrevistas e reportaxes sobre a campaña catalá baixo a rúbrica xenérica de #Catalunyadecide.

As esfarrapadas estalades resisten un procés que se examina o 27S
photo_camera As esfarrapadas estalades resisten un procés que se examina o 27S [Foto: R.P]

Esta sexta feira 11 de setembro arrincará en Catalunya unha apaixonante campaña electoral –se é que non comezou hai xa uns anos coas declaracións de intencións do ben coñecido procés– coincidindo cunha nova Diada masiva que concentrará na rúa seguindo a tradición a máis dun millón de persoas –ou cando menos seguro que a centos de miles– para berrar de novo, alto e claro, que queren a independencia do seu pobo. Malia os populosos acenos que constatan unha realidade que de novo será confirmada ao longo dos máis de 7 km da avenida Meridiana, o Estado e as súas tribunas afíns seguen a subestimar o que está a acontecer neste recuncho do Mediterráneo. Só hai que camiñar devagar por Barcelona e botar un ollo ao feixe de balcóns que de xeito permanente locen estalades, en boa medida descoloridas pola súa exposición ao sol e ás inclemencias do tempo ao longo dos últimos anos. A cidadanía non entende de eufemismos e a democracia presenta dúas opcións claras: a do “si” e a do “non”.

A cidadanía non entende de eufemismos e a democracia presenta dúas opcións claras: a do “si” e a do “non”

Ben é certo que somos conscientes que as enquisas marcan tendencias e as máis das veces levan unha substanciosa condimentación e cocen ao ritmo dun estudado chup-chup. Ao longo destes últimos días, tantos medios de comunicación editorialmente a prol do “non” coma do “si” veñen de publicar diversos estudos de intención de voto. Independentemente da cantidade de sal ou pementa, todos coinciden no ingrediente favorito do menú para estas eleccións. A totalidade das enquisas predín unha clara vitoria da candidatura independentista de Junts pel Sí vista por unha parte da poboación coma transversal pola presenza do partido do president, Convergència Democràtica de Catalunya (CDC), unha medrada Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) –hai non tanto tempo agardábase o seu sorpasso a CiU– confirmada por un incremento electoral nas municipais ou nos dous eurodeputados obtidos en solitario, e o peso da participación de líderes das principais entidades civís a prol do novo Estado: as ex presidentas da Assemblea Nacional Catalana (ANC) –organización artífice da loxística dos recentes multitudinarios 11 de setembro–, Carme Forcadell, e de Òmnium Cultural, Muriel Casals, a outra entidade senlleira a prol da independencia alén das organizacións políticas. O pastel está culminado cun vario feixe de guindas de líderes de opinión que abranguen diferentes eidos, desde o cultural ao deportivo, representados polo cantautor Lluís Llach –autor da mítica canción antifranquista L’estaca, tan entoada pola esquerda do Estado no pasado–, e o xa elevado a ídolo deportivo Pep Guardiola (hai que vivir aquí para comprender até que punto o barcelonismo e o catalanismo teñen uns máis que evidentes vencellos). Unha receita completada cun cabeza de lista afeito á area política pero non vencellado as dúas organizacións maioritarias do Parlament: o outrora eurodeputado de Iniciativa per Catalunya-Verds (ICV) Raül Romeva. Con isto Artur Mas deixa no esquecemento a caída electoral das últimas eleccións ao Parlament cando a súa federación perdera 12 escanos. Unha CiU xa extinta, ao se rachar a histórica coalición con Unió Democràtica de Catalunya (UDC), á que lle dedican máis relevancia ao seu presidente Josep A. Duran i Lleida do que semella vai contar na lexislatura tras o 27 de setembro. A formación democristiá ten o risco de non acadar representación, tendo en conta que xa non dispón de moitas das súas facianas máis coñecidas, coma pode ser Núria de Gispert –a presidenta do Parlament–, as cales pasaron a fundar Demòcrates de Catalunya e integrarse na candidatura de Junts pel Sí.

O listón dos 68 escanos

A maioría absoluta sitúase nos 68 escanos. Hai enquisas que aseguran que hai unha posibilidade que a candidatura gañadora non alcance esta cifra –malia non negar que se quedaría ás portas– e outras que o dan por feito. O que si se conta nas quinielas e o ascenso da Candidatura d’Unitat Popular (CUP), quen podería triplicar ou cuadriplicar a súa representación actual de 3 escanos para garantir a maioría dos do “si” ou directamente fortalecer esta vontade. Ben é certo que a formación encabezada nestes comicios por Antonio Baños xa afirmou que non dará os seus votos para renovar o cargo do actual president, do mesmo xeito que aclara que non entenden un cambio social sen a ruptura co Estado.

Manifestación pola independencia en CatalunyaDo outro lado do tendido, as do “non”. Por unha banda as forzas do bipartidismo continúan á baixa en Catalunya, alimentada se cadra pola catalanofobia de moitas analistas que ao longo de tempo se dedicaron a propagar mantras deslexitimando o procés con máis enfrontamento que pedagoxía. En máis dunha ocasión temos escoitado a membros de diferentes forzas catalanistas afirmar que a estratexia do PP fabrica independentistas. Os populares, que nunca tiveron un peso especialmente relevante na correlación de forzas en Catalunya –actualmente ten un alcalde entre os máis de 900 concellos e hai catro anos contaban con só tres-, ao parecer poderían aguantar o tirón grazas ao que fora o seu principal alcalde nestes lares, Xavier Garcia Albiol, que non en van ostentaba o bastón de mando na terceira localidade máis poboada do país, Badalona, onde malia perder a alcaldía, a súa candidatura foi a máis votada co polémico lema Limpiando Badalona. 

A sucursal socialista catalá vai pasar dos 52 escanos de 1999 a pouco máis da ducia segundo as enquisas

O caso do PSC si apunta a traxedia clásica. Xa son parte da historia os seus dous presidentes da Generalitat –Pasqual Maragall e José Montilla, o primeiro dos cales chegara a superar en votos a Pujol– ou a xestión da meirande parte das alcaldías da área metropolitana de Barcelona –e a propia capital ao longo de máis de 30 anos–, a parte do país máis poboada que inclusive era denominada “o cinto vermello”. É dicir, a sucursal socialista catalá vai pasar dos 52 escanos de 1999 a pouco máis da ducia segundo as enquisas. A súa repetida receita do federalismo quedou en empacho en parte se cadra polas tachas postas polos baróns de Ferraz desde as súas presidencias autonómicas á súa principal iniciativa, o novo e actual Estatut, recortado no seu tempo polo Tribunal Constitucional en máis dunha ducia de artigos. É dicir, de gobernar os destinos do país –que lle implicaban non poucos esforzos diplomáticos entre os cadros estatais da súa organización– a non ser un actor determinante para frear o independentismo, para algunhas opinións, ou máis ben non ser quen de dar pulo a unha reforma real do Estado que permitira un encaixe a medida do pobo catalán. Isto se cadra algo terá que ver con outro dos mantras actuais: o proceso constituínte, que tampouco semella ser o cabalo gañador neste 27S. ICV e Podem, entre outros actores, integran a lista Catalunya Sí Que Es Pot, que sustenta o seu discurso nas fórmulas da denominada nova política. Os seus encantos semellaban poderían convertela na alternativa a Junts pel Sí, pero nesa posibilidade xa non confían as máis recentes enquisas que non lle auguran máis que unha lixeira mellora da representación coa que actualmente conta o grupo de Iniciativa, algo máis da ducia coma a que poderían obter as forzas do clásico bipartidismo. Revelador o detalle por provincias dalgún estudo de intención de voto que amosa que a candidatura liderada polo activista veciñal barcelonés Lluís Rabell concentra as súas opcións de representación en Barcelona e nese mencionado cinto vermello –unha das zonas máis castigadas pola crise económica– coma se dunha transferencia do tradicional voto socialista se tratara. As enquisas non se arriscan a concederlles moito máis dun ou dous escanos no resto das provincias. Hai a quen non convence certo discurso ambiguo da candidatura rupturista que si recoñece o dereito á autodeterminación, pero que non se presenta coma unha aposta para alcanzala, semellando que máis ben inspira que no es pot. E neste senso cómpre non levarse ao engano e equiparar a formación a Barcelona en Comú, ou cando menos iso foi o que deixou caer Ada Colau ao afirmar que a súa era unha organización exclusivamente municipalista.  Ademais, con franqueza, Rabell non esperta o mesmo grao de interese social que a fundadora da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH).

Lluís Rabell non esperta o mesmo grao de interese social que a fundadora da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH)

Na beira do “non”, a que semella pode ser a forza con máis representación é Ciutadans. A formación laranxa leva traballando unha década en Catalunya e o seu líder estatal é ben coñecido pola poboación desde a primeira das campañas cando ilustrara espido os cartaces electorais. Pero Ciutadans tampouco semella que vaia conquistar o corazón dese cinto vermello que permitiu ao socialista Maragall presidir, nin contando co improbábel apoio doutra forza, nin tan sequera nun impensábel e inaudito tripartito constitucionalista… O partido de Albert Rivera presenta a única candidata a presidir a Generalitat, Inés Arrimadas, e concentra tamén a súa intención de voto nun ámbito urbano e metropolitano. A destacada presenza desta formación coma posíbel alternativa á secesión –entre os discursos emitidos desde Madrid–, sitúana na segunda posición con máis de 20 escanos, segundo as enquisas, duplicando ou se cadra até triplicando os seus actuais nove asentos, pero moi lonxe da forza gañadora.

O propio David Fernàndez (CUP) apunta o limiar do 55% dos votos para lexitimar a independencia

Unha das chaves para entender Catalunya radica nun terreo de xogo onde as forzas unionistas non semellan vaian ter un papel determinante: o que en Catalunya se denomina o voto de comarcas. Alén das grandes concentracións urbanas a fidelidade do voto convergent quedou constatada nas municipais –malia o escándalo Pujol– e consolidou o ascenso de ERC. Con todo, podería non ser dabondo con que Junts pel Sí sexa primeira forza ou con alcanzar a maioría absoluta anhelada con apoio da CUP, xa que até o propio David Fernàndez apuntara o limiar do 55% dos votos que para lexitimar a independencia. A outra das cuestións é que grao alcanzará unha abstención –que baixou do 41% en 2010 ao 34% en 2012– que podería frear ou acentuar unha xa desequilibrada balanza que, en calquera caso, anuncia un novo tempo para Catalunya. 

Máis en Països Catalans
Comentarios