Case 2 millóns de persoas na Diada máis masiva

Un millón oitocentas mil persoas, segundo dados da Guarda Urbana, encheron as arterias de Barcelona para conformar unha xigantesca senyera humana en defensa do dereito a decidir. "É a manifestación máis multitudinaria da historia de Europa", afirma a organización.

catalunya

Centos e centos de milleiros de persoas ateigron rúas e prazas de Barcelona respondendo á chamada de Ara és l`hora para este 11 de setembro e cunha mensaxe clara: Queremos decidir e queremos votar o 9 de novembro. Ao longo da Gran Via de les Corts Catalanes e a Avinguda Diagonal conformouse unha senyera humana de 11 km en forma de V. Unha maré de xente procedente de diferentes puntos dos Països Cataláns (e doutras partes do mundo: Galiza, Euskal Herria, Escocia, Irlanda...) que se dan cita en BCN unidos polo desexo de construír un novo país en base ao dereito a decidir como pobo. A Garda Urbana cifrou en 1.800.000 as persoas participantes, unha cifra que a Delegación do goberno español rebaixou a 500.000 (xa só @s anotad@s para formar a V superaban esa cifra: 560.000).

"A independencia non é o tramo final, é o punto de inicio para construírmos un novo país" dixo o actor Sergi López na lectura do manifesto

Desde primeiras horas o ambiente festivo, reivindicativo e de convivio decorreron da man. Mais é a partir das 17:14 horas (números que forman unha data emblemática en Catalunya, a da perda das súas liberdades nacionais, fin da guerra de sucesión-1714) cando a riada de xente toma forma e expresa cunha soa voz a vontade de ser un pobo.

Pola democracia, contra a imposición

Bandeiras, faixas, castellers, música, baile... a mobilización que enche Barcelona é unha festa da democracia contra a imposición. O acto comezou coa interpretación por un coro de 'Ara és l´hora', de Lluis Llach para, a continuación e como reivindicación simbólica, dar paso a unha moza de Rubí de 16 anos que depositou un voto nunha urna, reivindicando así o dereito a votar na consulta do 9N.

As rúas estaban cheas. A mensaxe era clara: '9N votarem, 9N guanyarem'. Na mobilización, centos de milleiros de persoas no que a propia organización non dubida en cualificar como a mobilización máis multitudinaria da historia europea. E os e as catalás non estaban soas. Escoceses, galegos, vascos, corsos, bretóns, irlandeses.... xente dos diferentes pobos do mundo quixeron estar este 11S en BCN para apoiar a Catalunya no seu camiño cara á liberdade.

Entre @s manifestantes, representantes das diferentes comunidades de inmigrantes que viven en Catalunya: galeg@s, paquistaníes, uruguai@s...

'We want independence'

Un xigantesto 'We want independence' (Queremos a independencia) presidía a praza principal onde decorría a mobilización, Unha mensaxe, desexo, reivindicación (a independencia) máis que presente en camisolas, faixas, crachás, gorras, consignas... Dev feito, a palabra de orde máis repetido ao longo da mobilización foi a de independencia. "A independencia non é un punto final, é o principio para construirmos un novo país" afirmou o actor Sergi López na lectura do manifesto.

Nos diferentes tramos do percorrido, pancartas xigantes cos rostos de diferentes líderes mundiais (de Merkel a Dilma, pasando por Obama) e coa mesma lexenda todos ao pé: 'Os cataláns queremos votar'.

Alén dos centos de milleiros de persoas, na marcha estiveron presentes representantes de partidos como ERC, CUP, CiU, ICv e mesmo PSC (a deputada Marina Gell), de plataformas sociais, sindicatos, colectivos culturais e mesmo o presidente do FC Barcelona.

"O futuro é noso, o presente xa o temos"

A presidenta de Òmnium Cultural, Muriel Casals, na súa intervención, destacou que nesta mobilización os e as catalás amosaron que "o futuro é noso, o prexente xa o temos", pondo o ramo cun Visca Catalunya Lliure!

De por parte, Carme Forcadell, da ANC, mostrouse contenta: "Conseguímolo. Enchemos as rúas e o 9N encheremos as urnas e votaremos independencia". 

Presenza galega nunha xornada histórica

A histórica Diada que esta quinta feira se viviu en Barcelona contou con presenza galega. Unha delegación do BNG, conformada polo seu portavoz nacional Xavier Vence, Ana Miranda e Camilo Nogueirab estivo na capital catalá, tomando parte en diferentes actos, desde a V até un debate con galeg@s emigrad@s en Catalunya.

Tamén estiveron presentes na Diada representantes de Nós-Unidade Popular e do MGS, que mantiveron xuntanzas coas CUP, asistiron ao acto central da xornada (a xigantesca V humana) e posteriormente participaron na manifestación da esquerda independentista.

Máis en Països Catalans
Comentarios