Artur Mas consideraría "moi grave" que "alguén tentase impedir o referendo"

Consello Nacional ampliado de CiU. Arredor de 2.000 cadros do partido de goberno en Catalunya reuníronse para abrir a campaña cara ao referendo autodeterminista, axendado para o 9 de Novembro. "Sería moi grave que alguén tentase impedir o referendo", dixo o líder da federación e presidente da Generalitat, Artur Mas.

CiU
photo_camera Un momento do Consello Nacional ampliado

Segundo informa Vilaweb.Com, Mas sentenciou que as e os cidadáns de Catalunya se cansaron "de nadar contra-corrente" e, portanto, agora toca "por primeira vez na historia, nadar a favor". O líder nacionalista entende que se ten producido un "cambio de rexistro mental na sociedade catalá" e que por iso tiñan mudado as maiorías [arredor do 80%, segundo os inquéritos, respaldan a realización do referendo en que se perguntará diretamente pola opción independentista].

"Os cataláns queremos viver tranquilos, ser un país normal. Isto quer dicer gobernarnos a nós mesmos e non ser gobernados por outros, nun contexto europeu", dixo.

Réplica a Rajoy

Mas aproveitou o acto para replicar os dardos que onte lle arrebolou Rajoy [o presidente do goberno español dixo que as institucións catalás tomaban decisións unilaterais]. O dirixente nacionalista retrucou que no debate decorrido no Parlament a pasada quinta feira o PP desbaldiu unha "oportunidade de ouro" para mostrar o seu talante negociador. "Pódese negociar co partido do NON a todo? Agardamos resposta e esta chegará de aquí a poucos meses, e xa veremos onde estamos", dixo Mas, quen relembrou o "non rotundo ao Estatut, o recurso ao Tribunal Constitucional, o non rotundo ao pacto fiscal e agora o non rotundo á vontade democrática e maioritaria do pobo catalán a decidir seu futuro".

Ofendido pola acusación de fascismo

A respeito da consulta, dixo que el, como presidente do Goberno, a convocaría para o 9 de Novembro tal e como está axendada. "O país poderá ir votar. Agardamos que ninguén o intente parar. Sería grave que, facéndoo de maneira democrática e pacífica [o referendo], alguén o intentase impedir".

Mas amosouse ofendido pola acusación de "fascismo" que desde as fileiras do españolismo se ten deitado contra un "país con mil anos de espírito de paz e tregua e que ten acollido millóns de persoas".

"Catalunya pode ser aliado de todos, mas non propriedade de ninguén", concluíu.

Máis en Països Catalans
Comentarios