xoves 28/10/21

Editorial Sermos282: Un país sen política exterior

anf
Feijóo, na súa visita ás instalacións da Escola Hebrea de Xerusalén

O mesmo goberno galego que non fai nada por exercer como tal nos foros comunitarios -a diferenza de Euskadi e Catalunya ou dos länders alemáns- acaba de tomar a decisión de se retirar de todas as feiras internacionais do libro, con excepción da de Bos Aires, como acaba de informar en exclusiva Sermos Galiza.

Ese é tamén o goberno que non apresentou a máis mínima obxección á Lei de Acción Exterior que formula o PP en Madrid, un texto que retalla as competencias das comunidades autónomas en materia de relacións internacionais.

Pois ben, o presidente dese goberno que carece dunha política exterior merecente de tal nome vai de viaxe a Israel, réxime que practica a cotío o terrorismo de Estado e que conculca a legalidade internacional ao violar os direitos humanos máis elementais do pobo palestino.

A que vai Feijóo a Israel? Non desde logo a defender os intereses galegos. Non a afear a Tel Aviv a súa política criminal. Vai exclusivamente a se promocionar como hipotético relevo de Rajoy. Unha viaxe partidista paga polos impostos das galegas e dos galegos. Inaceitábel.
 

comentarios