Editorial Sermos312

A impostura de Sánchez sobre Catalunya

pedro sánchez quim torra moncloa
photo_camera Sánchez e Torra, nas escalinatas da Moncloa

 

A posición da Moncloa sobre Catalunya após o relevo de Raxoi por Sánchez é aparentemente dialogante, unha reedición da retórica do talante da época Zapatero. Mais, se observamos con atención, baixo a epiderme das palabras bonitas o que achamos é o enroque de sempre, o búnker que se nega a dialogar sobre a esencia do conflito político que confronta Catalunya co estado. Tan é así que esta mesma semana o propio Sánchez até sacou a pasear o espectro do 155.

 

Argumenta a Moncloa que si está disposta a dialogar sobre autogoberno, mais non sobre a autodeterminación. Mais o problema é que no mínimo 80 por cento da poboación catalá formula algo tan democrático como querer votar sobre o seu futuro, isto é, coloca a cuestión do dereito a decidir, eufemismo da autodeterminación. Esa é a materia -e non unha pantalla pasada, un novo estatuto autonómico- sobre a que un goberno español dialogante tería que dialogar. E sobre iso o goberno Sánchez responde o mesmo que o goberno Raxoi, fechamento total e absoluto a calquera entendemento.

 

Ten razón o president Quim Torra cando afirma que a sorte do procés depende da mobilización da sociedade catalá. Esta é unha partida longa e non cabe desfalecer. O que agarda Madrid é que o soberanismo desista e se fraccione, daí os cantos de serea de Sánchez -a procurar que rexurda o pujolismo nas filas nacionalistas- e a súa proposta beatífica. Todo indica que a aposta da Moncloa fracasará: a súa impostura é demasiado evidente: ninguén distinto dos adictos lla comprará.

Máis en OPINIÓN
Comentarios