Mar de Lumes: 365 días a sementar desde Galiza a tenrura entre os pobos

O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes cumpre un ano de vida. Doce meses de traballo e compromiso internacionalista.

mardelumes

O 5 de maio de 2013 presentábase publicamente Mar de Lumes cun manifesto no que afirmaba que ''a solidariedade antes era unha mostra de xenerosidade; hoxe é unha necesidade”. Nacía o colectivo da querencia por mirar e comprender o mundo e da necesidade de mergullarse noutros pobos, noutras loitas, noutros soños. A frase de Pablo Neruda (a solidariedade é a tenrura entre os pobos) non por manida deixa de ter razón. E Mar de Lumes leva avogando por esa razón durante todos estes doce meses.

Este Comité galego de solidariedade internacionalista ten tomado parte, durante este ano, en máis de cincuenta actividades solidarias. O foco centrouse en América Latina e Oriente Medio por seren “onde o imperialismo exerce máis descarnadamente”.

Mar de Lumes avalía “positivamente o traballo realizado” durante estes 365 días e din que “renovamos o compromiso militante cos principios da organización: apoio aos procesos de emancipación, denuncia do imperialismo e servir de amplificador internacional do conflito galego aos demais pobos do mundo, á procura dunha solidariedade de ida e volta”. 

Máis en OPINIÓN
Comentarios