“Queda aínda unha loita longa na que non renunciaremos ao socialismo”

Raúl Castro lembra nun discurso que “queda por resolver o embargo, que é o esencial” respecto á nova etapa que se abre nas relacións entre Cuba e Estados Unidos, para a que solicita “falar desde a igualdade e a reciprocidade”

Raul Castro e Obama [Imaxe: Cubadebate]
photo_camera Raul Castro e Obama [Imaxe: Cubadebate]

O presidente de Cuba, Raúl Castro, advertiu este sábado, nun discurso ante a Asemblea Nacional, de que a «loita» para acabar co embargo de Estados Unidos contra a illa «será longa e difícil» e precisará que continúen os reclamos internacionais e da sociedade estadounidense en favor do fin desa situación. Na súa intervención, destacou que coa decisión de restablecer as relacións con Estados Unidos deuse un «paso importante», pero «queda por resolver o esencial», que é a fin do «bloqueo».

Castro «recoñece» a disposición do presidente estadounidense, Barak Obama, a manter un diálogo co Congreso do seu país para levantar o embargo. Nese sentido, emprazou a Obama a utilizar as súas prerrogativas para «modificar substancialmente a aplicación do bloqueo naqueles aspectos que non requiran a aprobación do Congreso».

«Saudamos a formulación do presidente Obama de abrir un novo capítulo nas relacións entre ambas nacións e de introducir o máis significativos cambios na política estadounidense dos últimos 50 anos», engadiu Castro, que reiterou que Cuba “non renunciará ao seu sistema político socialista” após o acordo con Washington, aínda que está disposto a discutir sobre todos os temas en «igualdade» e «reciprocidade». «Da mesma forma que nós nunca propuxemos que os Estados Unidos cambie o seu sistema político, esixiremos respecto ao noso», advertiu o mandatario.

Por outra banda, o líder cubano anunciou que asistirá ao próximo Cumio das Américas que se celebrará no mes de abril en Panamá, no que podería converterse no seu primeiro encontro co presidente de Estados Unidos, Barack Obama.

Máis en Mundo
Comentarios