A ONU recoñece que a maioría das vítimas dos ataques de Israel son mulleres e nen@s

Segundo a axencia internacional “tres de cada catro mortos son civís”. O exército israelí fixo incursións por terra na Franxa de Gaza e prepara unha dura ofensiva no Norte, que fai fuxir á desesperada á poboación local.

palestina
photo_camera Apoio a Palestina

A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) informou de que d@s case 150 palestin@s que foron asasinad@s na Franxa de Gaza desde o inicio da operación militar israelí 'Marxe Protectora' tres de cada catro vítimas eran civís. Dedúcese que o resto eran considerados militares por pertencer a organizacións armadas que loitan contra Israel e a súa ocupación de territorio palestino.

Desde o inicio da ofensiva o pasado martes, decenas de palestin@s morreron polos incesantes bombardeos da aviación israelí, que -segundo un portavoz da UNRWA, Chris Gunness- lle quitaron a vida a moitas mulleres e nen@s, que tamén serían dous terzos d@s ferid@s, que son máis de 700, segundo esta fonte.

A Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Navi Pillay, puxo en dúbida a lexitimidade de Israel para bombardear determinados obxectivos, á vista do alto número de baixas civís que está deixando o seu ataque.

Policía

Por outra banda, a pasada noite como mínimo unhas quince persoas foron asasinadas, entre elas varias mulleres e nen@s, despois doutro ataque do Exército de Israel, neste caso dirixido contra a casa do Xefe da Policía de Gaza, segundo informaron as autoridades palestinas. Así mesmo, o Exército israelí tería entrado por terra en territorio da Franxa para manter enfrontamentos con presuntos militantes de Hamas.

Así mesmo, Israel xa anunciou unha ofensiva que se espera sexa a máis dura dos últimos días no Norte de Gaza, onde a poboación está intentando fuxir logo de que octavillas avisasen da inminencia do ataque. Alén das denuncias dalgunhas das súas axencias, a ONU segue sen tomar medidas firmes malia a gravidade da situación.

Máis en Mundo
Comentarios