Millón e medio de persoas en París en solidariedade con 'Charlie Hebdo'

Autoridades mundiais puxéronse á fronte da impresionante manifestación, o que levou a dicir a un dos superviventes da revista satírica que “vomitarían” sobre os “novos amigos” que lles saíron após o atentado mortal.

paris-crop
photo_camera Manifestación en París.

Máis dun millón e medio de persoas marcharon este domingo cara á Praza da Nación de París en repulsa polos atentados extremistas que se cobraron a vida de 17 persoas esta semana en Francia, entre elas 12 empregad@s da revista satírica Charlie Hebdo, e a favor da liberdade de expresión sen violencia.

A Marcha Republicana, encabezada polos superviventes e familiares das vítimas, seguidas de líderes internacionais -entre eles o presidente español Mariano Rajoy- e de todas as relixións detrás do presidente francés, François Hollande, encabezad@s por unha pancarta coa frase "Je Suis Charlie" avanzou polas rúas da capital nunha atmosfera de concordia, pero baixo a vixilancia de máis de 2.200 axentes de Policía fortemente armados.

Malia a presenza de tanta seguridade, a multitude avanzou sen incidentes e irrompendo espontaneamente en aplausos ou cantando o himno francés A Marsellesa namentres o presidente Hollande compartúa impresións cos familiares das vítimas de Charlie Hebdo e do supermercado xudeu de Vincennes.

Precisamente, un dos membros máis antigos da revista satírica atacada, o caricaturista holandés Bernard 'Willem' Holtrop, rexeitou as repentinas mostras de apoio das autoridades mundiais e advertiu de que non dubidarían en "vomitar" sobre os "novos amigos" da publicación. 'Willem', de 73 anos, é un dos membros da xeración que fundou a revista en 1968.

"Temos moitos novos amigos: o Papa, a raíña Isabel II, Putin,... Teño que rirme. Marine Le Pen seguro que estaba encantada cando soubo que había islamistas disparando" na Redacción, afirmou 'Willem' nunha entrevista co xornal holandés 'Volkskrant'. "Vomitamos sobre toda esta xente que agora di que son os nosos amigos", engadiu.

Máis en Mundo
Comentarios