O Estado español abre unha crise con Venezuela para defender a Aznar

O Goberno central condena as declaracións de Nicolás Maduro nas que cualificaba ao ex-presidente de “asasino” por apoiar a Guerra de Iraq, nunha mostra máis da habitual estratexia dos poderes españois de ataque ao executivo bolivariano.  

maduro
photo_camera Maduro

“Lamentábeis declaracións”. Así cualifica o Goberno español as acusacións que o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, lanzou contra o ex-presidente José María Aznar pola súa participación na Guerra de Iraq de principios da década pasada, que o Estado español da man do PP apoiou malia a posición en contra da maioría da poboación. 

“1.200.000 mortos en Iraq por culpa de Aznar, o asasino de España, sanguento asasino de España, o ex-presidente Aznar. Asasino, dígolle, porque el é responsábel desas mortes, porque el promoveu a guerra xunto a Bush", afirmou Maduro durante un acto no Palacio de Miraflores, cuxo eixe central era a baixada dos prezos do petróleo, da que responsabilizou a Estados Unidos e ao seu “interese por prexudicar a outros países como Rusia, Irán ou Venezuela”. 

Enfrontamento

Ante estas declaracións, o Goberno de Rajoy -designado a dedo por Aznar como o seu sucesor a pesar de que a súa relación está agora deteriorada- pediu “explicacións” a Venezuela e amosou toda a súa “solidariedade” co líder de FAES, abrindo así unha crise entre ambos Estados, algo habitual posto que desde o Goberno e os poderes españois son constantes os ataques ao proceso bolivariano, que adoito chaman “ditadura” malia estar recoñecida de forma internacional como unha democracia e saíren os seus gobernos sempre de procesos electorais limpos. O Executivo de Aznar mesmo chegou a apoiar un golpe de Estado contra o lexítimo goberno do falecido Hugo Chávez a pasada década.

Máis en Mundo
Comentarios