Alemaña transixe ás esixencias, mais non sen condicións

@s xef@s de Estado e de Goberno da zona euro acordan a recapitalización directa da banca, logo de crearse un supervisor bancario único para as entidades transfronteirizas.

Os líderes da eurozona pactaron a recapitalización directa da banca e facilitaren os fondos europeos de rescate para mercar débeda daqueles países que se atopen baixo a presión dos mercados financeiros. @s xef@s de Estado e de Goberno da eurozona acordaron tamén, que o diñeiro prestado ao Estado español para salvar as entidades bancarias, non posúa carácter preferente de cobro ante outos acredores.

A xuntanza do eurogrupo, que inicialmente estaba fixada para o remate do Consello Europeo,
deu resultados fóra do común ante a transixencia de Alemaña, Holanda e Finlandia, tradicionalmente reacias á recapitalización directa da banca a través do fondo de rescate europeo e á flexibilización das condicións de rescate.

Entre os principais acordos atópase o avance na integración económica a través dun supervisor europeo único encargado de desenvolver as tarefas de vixiancia sobre as entidades financeiras europeas de carácter transfronteirizo. Para Alemaña, esta centralización era a condición previa e imprescindíbel, para a creación dun fondo comunitario que recapitalice ao sector financeiro de maneira directa ou suprima aquelas entidades inviábeis, o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE).

Segundo o presidente da Comisión, a institución presentará en breve a proposta para crear o supervisor bancario, que podería ser aprobada polos estados membros a finais deste ano. Unha vez entre en vigor, o préstamo transferirase ao MEDE, que recapitalizará directamente as entidades financeiras. Até ese momento, a recapitalización da banca farase de acordo cos instrumentos actuais.

A recapitalización directa incluirá condicións para as entidades beneficiarias dos fondos de rescate mais tamén para o conxunto do sector ou mesmo, para o conxunto da economía en función do acordo.

Finalmente o Eurogrupo autorizou a compra de débeda daqueles países sometidos á presión dos mercados financeiros sen necesidade de implementaren, a priori, un plan de axuste adicional. Así mesmo, os líderes europeos acordaron desenvolver de aquí a outubro unha folla de ruta e un calendario encamiñados ao estabelecemento das fases precisas para unha futura unión bancaria, orzamentaria e política, baseada nas propostas achegadas polo presidente do Consello. Segundo Van Rompyu o obxectivo é facer do euro “un proxecto irreversíbel”.

O presidente do Consello Europeo propuxo aumentar os poderes e competencias do eurogrupo á fin de poder “corrixir” -vetar, os orzamentos dos estados membros e, a longo prazo, construír un Tesouro europeo; algo ao que se opón Alemaña.

As decisións da eurozona, placebo para os mercados

As primeiras reaccións ante os acordos adoptados polo eurogrupo relaxan a presión dos mercados financeiros sobre a débeda española ao tempo que aumentan os beneficios das 35 empresas máis poderosas do Estado español (IBEX35). Así mesmo, a decisión repercutiu a favor do euro no mercado de divisas (Forex), no que a moeda única gaña posicións.

Máis en Mundo
Comentarios