A Audiencia de Madrid non ve acoso sexual en bicos e apalpamentos non consentidos

Os dous maxistrados, dous homes, entenden que, en todo caso, os feitos descritos por dúas traballadoras que denunciaron o seu xefe constitúen un delito de abuso sexual. Mais ao non ser este apreciado pola acusación, desestimou a condena por acoso ditada por un xulgado ordinario e absolveuno de todos os cargos

"O que proporía o acusado é unha relación amorosa. Dar azoutes nas nádegas, dar un bico na orella, apertar, dar un bico nos beizos, acariñar a perna ou o cabelo [...] non implican a proposición de ningunha relación sexual". O texto está extraído da sentenza absolutoria que a Audiencia de Madrid vén de ditar ao redor da denuncia por acoso que dúas mulleres, traballadoras dunha farmacia desta cidade española, interpuxeron contra o seu xefe.

No dereito laboral a tipificación dos feitos que constitúen acoso é máis ampla que no penal, podendo ter tal acoso unha intención sexual ou non. Porén, no laboral os delitos prescriben ao pasar un ano, e os feitos que estas mulleres denuncian aconteceron hai dez, polo que optaron pola vía do penal.

No seu artigo 184, o CP español considera acoso aquel comportamento que procura "favores de natureza sexual, para si ou para un terceiro, no ámbito dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos, continuada ou habitual, e con tal comportamento provocar na vítima unha situación obxectiva e gravemente intimidatoria, hostil ou humillante". Os maxistrados da Audiencia de Madrid, dous homes, non estiman que as situacións descritas polas mulleres poidan equipararse coa descrición do acoso recollida no CP.

Segundo describiron, un día bicábaas, outro enviáballes unha carta en que dicía soñar "co roce das súas peles", outro pasáballes a man polas coxas... e todo sen o consentimento de ningunha delas. Ambas as dúas foron diagnosticadas de depresión. Por estes feitos, foi condenado a tres meses e dous días de privación de liberdade, e a indemnizar as dúas mulleres con algo máis de 11.200 euros.

Mais a Audiencia desestimou esta resolución, ao non apreciar acoso senón abusos. O delito é máis grave, mais a acusación non imputara por el o farmacéutico e, por tanto, non podía ser condenado. Se non houbo acoso e os abusos non foron contemplados pola acusación, entón a solución aplicada polo tribunal madriñelo é a absolución.

Máis en Mundo
Comentarios