martes 24/11/20

O BNG alerta do traslado de bens do Pazo de Meirás a propiedades da familia Franco

Luís Bará, deputado do BNG, alerta dunha operación na que participan 50 camións para o traslado de cadros, tapices e elementos da biblioteca de Pardo Bazán

Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).

O deputado do BNG, Luís Bará, alerta dunha operación de mudanza na que participarían entre corenta e cincuenta camións de transporte para o traslado de numerosos bens,cadros, tapices e elementos da biblioteca de Pardo Bazán do Pazo de Meirás a propiedades da familia Franco.

Ante esta situación, o BNG solicita á Xunta que demande ante o xulgado medidas cautelares para garantir que non sexan trasladados bens que forman parte do patrimonio público así como a inmobilización de todos os bens de titularidade pública e froito do “espolio franquista”.

Recentemente, a Real Academia Galega tamén solicitou que o conxunto da biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa declarado BIC e lembrou que no pazo de Meirás se gardan unhas 3.200 obras das máis de 11.000 que formaron parte da colección persoal da escritora coruñesa. Para a entidade, esa declaración significaría "garantir a súa protección e uso público".

a Real Academia Galega tamén solicitou que o conxunto da biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa declarado BIC

Desta volta, o deputado do BNG insta a Xunta a velar pola integridade e protección das esculturas do Mestre Mateo, declaradas bens de interese cultural que se atopan no Pazo de Meirás, e  reclama  a elaboración dun inventario de todos os  bens do Pazo de Meirás relacionados coa súa condición BIC.

Neste caso, a Xunta da Galiza mais o Concello de Santiago de Compostela acordaron recentemente constituír un grupo de traballo con expertos xurídicos e históricos que analizarán a aparición de nova documentación e evidencias sobre estas pezas.

O deputado lembra que o vindeiro 10 de decembro debe ser executada a sentenza da devolución do Pazo de Meirás e polo tanto, a Xunta debe impedir que a familia Franco continúe coa mudanza de bens que pertencen ao patrimonio público galego. 

comentarios