domingo 29/11/20

O alcalde de Sada pide á Xunta un trámite legal para protexer os obxectos de Meirás

Vista do pazo de Meirás cando foi obxecto dunha acción reivindicativa. (Foto: Europa Press)
Vista do pazo de Meirás cando foi obxecto dunha acción reivindicativa. (Foto: Europa Press)

Todo o que rodea ao pazo de Meirás e a súa entrega (ou non) ao pobo fai xurdir múltiples opinións. Unha das máis representativas é a do alcalde de Sada, Benito Portela, pois a propiedade está nese municipio.

Após saber que o Estado quere contar cun inventario do que gardan as paredes da propiedade, o rexedor enviou unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na que lle solicita que incoe “a modificación do Decreto 299/2008 de declaración BIC do pazo”.

Desta maneira será obrigado incorporar “a dita disposición a relación de bens mobles asociados á categoría de sitio histórico” de Meirás, a maiores da demanda do Estado aceptada pola Xustiza para facer un inventario.

Portela explica que, a diferencia das estatuas do Mestre Mateo que foran descubertas no pazo e que xa teñen a súa declaración (BIC) -ademais, transcendera que xa foran trasladadas-, o resto dos obxectos que se atopan na vivenda non a teñen.

Na súa opinión, isto “non impide nin debe impedir” tomar medidas para que os Franco non se fagan con cousas “que teñen unha indubidábel referencia histórica e cultural”. 

“Un BIC sitio histórico non é so uns inmobles senón tamén deben selo todos aqueles bens mobles que configuran e determinan esa categoría e que lle dan contido e referencia histórica", subliñou na súa misiva á Xunta. 

Igualmente, Portela conclúe que hai que ter en conta que é un Ben de Interese Cultural porque como "lugar histórico non se entende sen a permanencia dos bens asociados á memoria de Pardo Bazán, como a biblioteca de Pardo Bazán, ou aqueles outros como o retablo, pergaminos, tapices...”.

comentarios