A insubmisión galega de Fernando de Castro, Pardo de Cela e as abadesas en tres libros

O sábado 16 de decembro distribuirase gratuitamente con Nós Diario unha biografía de Pedro Pardo de Cela elaborada polo historiador Alexandre Peres Vigo. A obra, incluída na colección 'Biografías esenciais do reino da Galiza', terá continuidade nos seguintes sábados do mes con dous traballos análogos sobre as abadesas galegas rebeldes contra os Reis Católicos, da autoría de Carolina Casal e Carme Varela; e sobre Fernando Ruis de Castro, escrito por Francisco Rodríguez. Os tres volumes trazan un percorrido da revolta galega contra Castela dos séculos XIV e XV.
collage-web
photo_camera Alexandre Peres, Carme Varela, Carolina Casal e Francisco Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

Pardo de Cela foi un dos tres grandes Pedros que na hora decisiva de finais do século XV púxose á fronte dunha revolución nacional e popular que tentou virar a sorte do país, arrendándoo de Castela, uníndoo a Portugal e ligándoo aos pobos atlánticos, na liña da alternativa defendida por Fernando Ruis de Castro 100 anos antes. Precisamente, un dos aspectos novidosos que achega Peres Vigo na súa investigación é a posición de Pardo de Cela en relación coa causa da raíña Xoana. A este respecto, lembra no seu traballo como diversos cronistas casteláns de referencia no período, entre eles Alonso de Zamora,  sitúan o rebelde galego no partido portugués.

Alexandre Peres Vigo sinala a Nós Diario que durante o conflito entre os Reis Católicos e a raíña Xoana e o seu esposo o rei luso, Afonso V, onde se debate a independencia da Galiza e a súa unión con Portugal “a postura do Marechal estivo marcada pola prudencia, con todo, os cronistas castelás ao servizo dos Reis Católicos non dubidaron en sinalar Pedro Pardo como aliado do rei de Portugal. Ese apoio, real ou non, podería explicar o ataque dunha frota biscaíña enviada polos Reis Católicos á vila de Viveiro”. Neste punto, asevera que “do que non hai dúbida é de que Pedro Pardo axiña foi unha persoa non grata para os Reis Católicos, até o punto de vetaren a entrada do Marechal en Viveiro e encargar o seu acoso ao corrixidor castelán Fernando de Cerón”.

O traballo de Peres Vigo, titulado Pedro Pardo de Cela. Vida, morte e memoria dun nobre galego, que Nós Diario agasallará o sábado 16, reconstrúe a campaña militar lanzada por Castela para derrotar a rebelión galega. Neste sentido, indica que “Isabel e Fernando enviaron as tropas castelás da Santa Irmandade á Galiza en 1480 baixo o liderado do vicerrei Fernando de Acuña. Axiña as accións bélicas da Irmandade se dirixiron contra o propio Pardo de Cela e os seus partidarios, considerados rebeldes á Coroa castelá. A persecución das autoridades reais contra o Marechal levou este a procurar refuxio na súa inexpugnábel fortaleza da Frouseira, onde durante meses resistiu o asedio das tropas de Acuña”.

A execución de Pardo de Cela por orde dos Reis Católicos, que algúns autores sitúan o 3 de outubro de 1483 e a tradición o 17 de decembro dese ano, non significou o remate da revolta da galega. Neste liña, Peres Vigo afirma, que “a execución de Pedro Pardo foi seguida pola revolta da súa filla Constanza e aínda polo entón conde de Lemos, que mantiveron o reino en vilo”. Precisamente, Constanza de Castro morreu loitando contra as tropas castelás en 1484 no castelo de Vilaxóan ou de Caldaloba, na parroquia de San Martiño do Pino, no concello de Cospeito.

A revolta de Galiza contra Castela do século XV é o tempo político onde se sitúan os feitos estudados pola historiadora Carolina Chico e a escritora Carme Varela no seu libro Prófugos a apóstatas. As monxas touqinegras da Galiza, que se distribuirá gratuitamente con Nós Diario o sábado 23 de decembro. Neste traballo, debuxan a oposición de décadas das abadesas galegas a o proceso de incorporación dos mosteiros galegos aos casteláns, coas súas negativas consecuencias no ámbito social, económico e patrimonial

As Pussy Riot do século XV

Carolina Casal destaca a Nós Diario o papel destas “mulleres que en 30 anos de loita se enfrontaron a catro papas; Inocencio VIII,  Alexandre VI, León X e, finalmente, a Xulio II; e a diferentes raíñas e reis casteláns; Isabel a Católica, a súa filla Juana, e nos momentos nos que esta fora impedida para gobernar ao seu pai Fernando o Católico e, tamén, ao seu home, Felipe I, todo un maltratador. Nesta liña, asevera que “soterradas polo masculinizado relato da Historia e silenciadas por vergoña histórica, estas mulleres foron as Pussy Riot do medievo e loitaron até as últimas consecuencias”.

Casal lembra que “o reinado de Isabel e Fernando supón a integración do Reino da Galiza no conxunto da Coroa con medidas até entón descoñecidas, como o sometemento da nobreza galega, dobregada primeiro e obrigada despois a participar activamente nas empresas da monarquía”. Nesta dirección, refírese á función xogado polo mosteiro de San Bieito de Valladolid, baixo cuxa dependencia os Reis Católicos situaron os cenobios galegos, sinalando que “Isabel e máis Fernando empregarán aos seus priores como policías relixiosos e brazos executores, e á reforma monástica como medio para impor e implantar a autoridade rexia, a autoridade castelá no Reino da Galiza”.

O 'lider indiscutíbel' da Galiza so século XIV

O sábado 30 de decembro, coincidindo co último número deste ano de Nós Diario, agasállase co xornal unha biografía de Fernando Ruis de Castro da autoría do ensaísta e historiador Francisco Rodríguez Sánchez, que xa se ten ocupado da historia deste personaxe e do seu tempo político nos volumes  Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I. A relevancia do reino galego medieval e Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo II. Un reino con clase dirixente. Os traballos publicados á volta de 2022 non só introducen novas chaves para interpretar a historia do Reino da Galiza senón que achegan distintas bases para explicar o feito nacional galego.

Rodríguez Sánchez sinala a Nós Diario que “Fernando, ou Fernán é un home carismático e con gran capacidade de aglutinar. Representa o líder indiscutíbel da Galiza nun contexto moi conflitivo e decisivo, que considero tamén estelar e responde á conduta e moral da saga familiar á que pertence, unha liñaxe que se considera, a falta de monarquía propia, no deber de representar o reino. Esta tendencia, que é notoria nos seus antergos, faise nel un deber inescusábel nesta situación conflitiva. Ademais, representa a asunción dun pacto social entre a nobreza e a burguesía que lle dá ao movemento que el encabeza unha dimensión nacional”.

O libro de Rodríguez, titulado Fernando Ruis de Castro. Estratexia e rebeldía galega no século XIV, significa que “a figura de Fernando Ruis de Castro temos que inserila, pois, nunha etapa histórica en que o reino da Galiza mantiña viva e operativa unha aspiración estratéxica propia, como expresión de protonación con poder político autónomo e vontade de existir, definindo os seus intereses colectivos e defendéndoos”. Neste camiño, avanza, que “Fernando de Castro a secas, representou a defensa dunha estratexia galega no contexto peninsular conflitivo do seu tempo e expresou a resistencia e a rebeldía de boa parte do pobo galego nunha conxuntura crítica”. 

Características da colección

Cada un dos tres libros -con lombo e encolados-, consta de 80 páxinas, cun tamaño de 13,5 por 19 cm, co miolo a unha tinta sobre papel de 60 gramos. A capa, a cor, vai sobre cartolina de 240 gramos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios