Vítimas e vitimarios no Betanzos de 1936

Nun concello de pequena extensión como o de Betanzos, con apenas 24 quilómetros cadrados, e cunha poboación próxima aos 10.000 habitantes en 1936, a maioría aveciñados na cidade, a represión franquista-falanxista deixou un balance fúnebre de 36 vítimas.
Manifestación en Betanzos o 15 de abril de 1931 para celebrar a proclamación da II República.  (Foto: Arquivo Ricardo Migal Naveira)
photo_camera Manifestación en Betanzos o 15 de abril de 1931 para celebrar a proclamación da II República. (Foto: Arquivo Ricardo Migal Naveira)

O traballo de partida para o coñecemento da represión en Betanzos e a súa comarca é o folleto Betanzos honra a sus mártires, impreso sobre un dos debuxos de Castelao da Galiza mártir. Datado en xullo de 1955, case vinte anos despois dos feitos e publicado en 1958 por un “Comité de Homenaje a los mártires de Betanzos y su distrito”, mais en realidade editado en Bos Aires, onde existía desde 1905 un Centro Betanzos que mantivo unha orientación republicana e galeguista durante o franquismo e do que o mesmo Castelao fora nomeado presidente honorario. Algúns exemplares chegaron a Betanzos clandestinamente.

Coa información contida neste folleto de denuncia dos crimes fascistas, o Centro Betanzos elaborou unha placa de bronce en homenaxe ás vítimas que instalou no seu local social, diante da que se facía unha homenaxe oficial cada 18 de xullo. Homenaxe que, por iniciativa da A. C. Eira Vella, desde 2007 se realiza tamén en Betanzos diante dunha réplica da placa, colocada á entrada do Museo das Mariñas.

As vítimas

O autor do informe foi o ex alcalde de Betanzos e deputado socialista Ramón Beade Méndez, quen non se limita a falar das vítimas betanceiras senón tamén doutras do partido xudicial que el coñecía.

Cita así mesmo os sacrificados na Costa do Sal e Ponte da Castellana, e os prisioneiros cataláns do campo de concentración de Betanzos, "asasinados a altas horas da noite nos xuncais de Sarra e a Cangrexeira".

O informe, que vai expondo as vítimas por orde cronolóxica do seu martirio, ten tamén os seus erros (a mesma data da morte, o apelido cambiado nalgún caso, os cargos atribuídos a algúns cenetistas e até a ausencia de tres vítimas…), xustificados por varias razóns: moitas vítimas eran máis coñecidas polo seu alcume (que o autor obvia citar) que polo apelido, as condicións clandestinas nas que recolleu algúns dos datos con anos de distancia dos feitos, téndose que fiar dos informantes sen posibilidade de acudir a outras fontes.

No meu libro sobre a II República en Betanzos (Torres, 2004) corrixín algúns erros que pasaran á placa, onde só aparece o primeiro apelido, que nun par de casos era en realidade o segundo. Correccións que aumentei en traballos posteriores (Torres, 2007a e 2007b), nos que aparecen os datos máis completos sobre eles e as fotografías que se puideron conseguir. Aí sumo dúas novas vítimas.

Faltaba aínda outra esquecida: un mariño da Armada executado en Ferrol en decembro de 1936, solapado por compartir apelido Veiga con outras vítimas. Teríamos, pois, 36 vítimas betanceiras. Oito delas foron fusiladas tras consello de guerra (entre eles 3 mariñeiros da Armada), tres fusiladas sen xuízo previo, unha asasinada na casa, outra tiroteada na rúa, outra morre no propio domicilio “de hemorragia interna”, outra na cadea da Coruña xa coa guerra finalizada e a maioría, 21, “paseadas”.

Se queres seguir coa lectura podes facelo mercando o Nós Diario que atoparás hoxe nos quiosques ou na nosa tenda online para a súa lectura na nube. Se non queres perder máis capítulos deste ou futuros coleccionábeis, fai a subscrición xa!
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios