Os nomes do terror

Xesús Torres Regueiro: "O obxectivo da represión era sementar o medo"

Xesús Torres Regueiro (Betanzos, 1957) é un dos veteranos nos estudos da memoria na Galiza. Historiador de longo percorrido, autor desde fai décadas dunha chea de investigacións sobre os movementos sociais e políticos nas primeiras décadas do século XX, achégase neste traballo que pública Nós Diario en Os nomes do terror aos vitimarios de Betanzos
Suso Torres
photo_camera Suso Torres

Fai parte daquela xeración de pioneiros que comezou a investigar a represión na Galiza a finais dos 70 e comezos dos 80, como foron recibidos aqueles traballos polas vítimas pero tamén polos vitimarios?

Si, a partir de 1985 comecei a publicar algúns artigos en A Nosa Terra –onde xa viña colaborando dende tres anos antes- arredor do que hoxe se chama “Memoria histórica” ou “Memoria do 36” como eu gosto mellor de chamarlle, sempre centrado en Betanzos. Daquela non había posibilidade de acceder aos arquivos militares e case toda a información era de transmisión oral ou do arquivo municipal, coa limitación que había dos 50 anos transcorridos. En 1987 colaborei no especial O 36 na Galiza, na segunda edición ampliada, publicado polas edicións A Nosa Terra, cun traballo sobre o Betanzos de 1936, e en 1992 no libro colectivo Os conquistadores modernos, coordinado por Dionisio Pereira e publicado pola mesma editora, cun traballo sobre o movimento obreiro e agrario no Betanzos republicano. En 2004 Isaac publicoume en Ediciós do Castro un libro sobre a República en Betanzos, que estaba parado dende dez anos antes. En 2006 retomei o tema, centrándome agora nas vítimas da represión nun traballo no número 29 do Anuario Brigantino e noutros artigos na revista A Xanela, aproveitando a posibilidade de acceder ás causas dos procesados, a outros arquivos e novas fontes, colaborando coa CRMH da Coruña e co proxecto universitario Nomes e Voces. Máis recentemente, noutro traballo sobre a Falanxe de Betanzos, no número 41 do Anuario Brigantino,recollo algunha documentación que confirma a participación na represión de 1936 dalgúns membros de Falanxe Española e da milicia “Caballeros de Betanzos”, atribuíndose a súa actuación como méritos, con vistas a algunha prebenda ou traballo.

En canto á recepción, lembro que tanto o caderno especial como os libros presentáronse en Betanzos en actos públicos moi concorridos. Ao primeiro do especial do 36 acodiron tanto persoas maiores como xuventude ávida de saber. Por certo, por un erro a persoa que representaba á editora chegou sen exemplares para vender no acto. O do libro do Castro foi o que acolleu a máis xente e vendeuse bastante, tanto na presentación como despois nas librerías locais. No traballo sobre as vítimas entreguei separatas aos familiares que me facilitaran datos ou fotografías e moitos dos que eu non contactara acudiron á biblioteca municipal a facerse coa publicación, que dende hai anos é accesible na Internet. A reacción dos familiares foi de satisfación e agradecimento. Moitos deles, disminuídos cada ano por lei de vida, viñeron asistindo á ofrenda anual que a A. C. Eira Vella (da que fago parte) fai diante da placa de homenaxe ás vítimas, réplica da que o Centro Betanzos de Buenos Aires tiña no seu local, colocada no 2007 á entrada do Museo das Mariñas. Dos vitimarios, hoxe xa desaparecidos todos, ou dos seus familiares e achegados, nunca tiven noticia.

Cando xa teñen transcorrido practicamente 40 anos das súas primeiras publicacións sobre o período republicano e a represión en Betanzos, que destacaría da dinámica social e política nesa comarca nos anos anteriores a 1936?

Era unha sociedade que estaba comezando a cambiar e sacudir un pouco o xugo dos poderosos e do vello caciquismo. En Betanzos o labor benéfico-asistencial dos indianos García Naveira foi importantísimo dende primeiros de século, ademáis de promover traballo para obreiros en paro, e as escolas creadas por eles contribuíron a mellorar o ensino e a formación das novas xeracións. A numerosa emigración, especialmente en Cuba e Arxentina, con centros sociais propios, influían tamén proporcionando outras visións e inquedanzas. Ao chegar o cambio de réxime en abril do 31, unha conxunción republicana-agrario socialista farase co goberno municipal, por primeira vez acceden ao concello labregos organizados e non colocados pola man caciquil. O mesmo líder agrario socialista, Beade, sería o primeiro diputado no Parlamento español labrego de profesión. En outubro de 1934, logo da fallido intento revolucionario contra o Goberno dereitista do Estado,son destituídos varios dos concelleiros e encadeados Beade e López da Torre, substituídos por antigos monárquicos e dereitistas que gobernarán até a chegada da Fronte Popular.

A CNT era o sindicato maioritario, en 1932 creara unha federación comarcal co de Betanzos, o de Sada e o de Guísamo. A UGT acollía a empregados municipais, dependentes de comercio e obreiros das industrias Núñez. E a ponla agraria constituía, xa dende 1923, a Federación Agraria do partido xudicial, dirixida dende Betanzos por Bernardo Miño e Ramón Beade.

Politicamente a forza máis sólida era a agrupación do PSOE, logo estaba a ORGA que confluiría na Esquerda Republicana de Azaña, e outros pequenos grupos republicanos. Ao final do período aparecerán Xuventudes Socialistas e un Radio comunista. A dereita monárquica, logo do abatemento do cambio de réxime, organizouse na Renovación Española de Calvo Sotelo e sobre todo na Unión Regional de Derechas, cunha ponla feminina, que confluirían na CEDA liderada por Gil Robles. Emilio Romay, alcalde e Presidente da Deputación na Dictadura de Primo de Rivera, logo tamén na franquista recuncará na presidencia da Deputación, era o seu líder. A Falanxe era unha forza residual con apenas 33 afiliados antes de xullo do 36, unha boa parte deles afiliados estudando fóra da localidade, e para a que a Xuventude Católica foi un bo viveiro.

A esta altura da investigación, que panorama de conxunto nos pode ofrecer sobre os obxectivos da represión en Betanzos, o seu alcance e aqueles aspectos que precisan de máis aclaración?

Os obxectivos eran sementar o medo e castigar “exemplarmente” as cabezas políticas máis representativas. Novo,especialmente odiado polos sectores clericais, o alcalde da brevísima etapa da Fronte Popular Tomás López da Torre, tamén odiado polas dereitas polo seu pasado como concelleiro da Dictadura, o vello dirixente agrario Bernardo Miño… Os concelleiros Ramón Beade, líder socialista e deputado, e Bonome conseguiron ocultarse e permaneceron agochados durante nove anos.

Xa que non puideron dar con estes e cos líderes sindicais cenetistas e uxetistas que tamén conseguiron agocharse, foron por outros militantes, moitos deles rapaces moi novos, que participaran nas barricadas que intentaron facer frente ás tropas que viñan da Coruña o día 22, ou que tomaran parte no reparto do trigo requisado pola corporación do Frente Popular como imposto aos propietarios acaparadores ou na requisa de armas e automóbiles que se efectuou ao coñecerse o golpe militar.

Máis aclaración precisaría coñecer por qué algúns paseados apareceron en puntos tan distantes como Ordes, Aranga, Cesuras ou Curtis, algún de non doado acceso na época, mentres outros foron asasinados ás aforas da cidade.

Entrando xa nos vitimarios e por comezar por un dos actores da represión, cal foi o papel desenvolvido no aparello represivo polos militares e dentro destes polas unidades da Garda Civil?

Coa toma da cidade o día 22 de xullo queda baixo o mando da autoridade militar, que nomea ao teniente coronel retirado Ángel González comandante militar da praza como máxima xerarquía. Este é sinalado como responsable de permitir sacar do cuartel ao exalcalde Novo por un grupo comandado polo teniente da Garda Civil José González, que o executou sen formación de causa na madrugada do 29 de xullo no cemiterio. Este tenente formaba parte das unidades que viñeran da Coruña para tomar a cidade. Sería nomeado delegado da autoridade militar e como tal, o instructor da causa contra o alcalde López da Torre. Tamén outros integrantes do cuartel de Betanzos, algúns xa se significaran na represión de outubro de 1934 contra sindicalistas con palizas e torturas, participaron con milicianos nas visitas nocturnas a domicilios coa desculpa de tomarlle declaración a vítimas que posteriormente aparecerían “paseados”. Entre estes gardas civís estaban Juan Guisado Garrido, que remataría xulgado e condenado por matar na rúa a un home considerado de dereitas e “de orden” nunha data xa próxima ao remate da guerra, crime dificilmente “xustificable” o dun home que ademais mantiña amizade co alcalde falanxista do momento. 

Sinala no seu traballo que “os paseos” en Betanzos cesaron a finais de outubro de 1936, coincidindo coa saída cara a fronte de Asturias dunha “bandeira” da Falanxe de Betanzos, cal foi logo a actuación das milicias fascistas no operativo do terror?

Si, é unha coincidencia curiosa.Está documentada a colaboración coa Garda Civil dalgúns falanxistas e milicianos, actuando tanto na persecución de fuxidos como nas visitas nocturnas a buscar a alguén no domicilio para “facer unha declaración”, da que xa non regresaban. A comezos de agosto de 1936 o gobernador civil Florentino González Vallés, tenente coronel da Garda civil, ordea que as milicias armadas se organizarán baixo o control da Garda civil, polo que esta tiña a responsabilidade sobre elas.

Posteriormente á saída dos falanxistas cara a fronte de guerra algúns milicianos fascistas seguiron colaborando coa Garda Civil, conseguindo a detención dalgúns fuxidos, mais agora xa pasaban a ser xulgados, e algún condenado a morte, en vez de ser tiroteados directamente con nocturnidade e clandestinidade.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios