O legado oculto e silenciado dos pioneiros da psicoloxía clínica e educativa na Galiza

Xoán Vicente Viqueira, Eloy Luis André, Manuel Díaz Rozas, Antonio Iglesias Vilarelle, Manuel Filgueira González, Cándido Lozano Zuza e Ana María Pardo Múgica foron os pioneiros da psicoloxía na Galiza durante a primeira metade do século XX. Desde finais de 2023 teñen o recoñecemento oficial da facultade de Psicoloxía da USC, onde os seus retratos xa ocupan un lugar destacado de forma permanente.
Manuel Filgueira xunto aos retratos de Luis André, Díaz Rozas, Iglesias Vilarelle, Filgueira González, Lozano Zuza e Pardo Múgica. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel Filgueira xunto aos retratos de Luis André, Díaz Rozas, Iglesias Vilarelle, Filgueira González, Lozano Zuza e Pardo Múgica. (Foto: Nós Diario).

María José Sampedro, decana da facultade de Psicoloxía, deu clase de Historia da Psicoloxía durante moitos anos sen que os manuais recollesen o traballo de figuras importantes da psicoloxía na Galiza. "Colles calquera exemplar e non hai a máis mínima referencia a estas figuras. E hóuboas, cun peso moi significativo".

A diferenza doutros territorios, a Galiza non conta cunha historia "reparadora e xusta" con estas persoas, explica Sampedro a Nós Diario, "e iso é así porque todos eran membros do Partido Galeguista, persoas comprometidas politicamente. Dalgunha forma borráronse da historia, por iso creo que este é un recoñecemento nobre". As súas achegas foron extraordinarias, salienta, no ámbito da intervención clínica mais tamén no campo da psicoloxía educativa.

Precursores

Manuel Filgueira Lois, fillo dun dos homenaxeados e psicólogo como seu pai, Manuel Filgueira González, foi o encargado de rescatar a memoria e o legado dos pioneiros da psicoloxía na Galiza. O seu traballo de recompilación serviu tamén para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos. "Xoán Vicente Viqueira máis Eloy Luis André son os dous nomes máis coñecidos, os auténticos precursores. Dedicaron a súa vida a traballar en laboratorios". André fundou en 1909 no Instituto de Ourense o primeiro Laboratorio Experimental da Galiza. Foi pioneiro na defensa da psicoloxía como ciencia independente, grande estudoso e colaborador de Wilhelm Wundt.

Viqueira tamén se formou e traballou en Alemaña, con G. E. Müller. Defendeu a psicoloxía como o estudo da conciencia e examinou polo miúdo os procesos de percepción, aprendizaxe, memoria, linguaxe e xogo infantil. Con todo, apunta Filgueira, o máis novo e destacado aquí é a contribución do Seminario de Estudos Galegos ao impulso da psicoloxía.

"O seu interese non era só romántico, ligado á supervivencia das tradicións, era científico". Proba disto, sinala,  son as seccións de ciencias e ciencias químicas de Luís Iglesias e Parga Pondal. "En 1933 créase a sección de Pedagoxía, que dirixe Manuel Díaz Rozas, e un ano despois, o Laboratorio Psicotécnico, con Antonio Iglesias Vilarelle á cabeza. Avogado, mestre e músico, "tivo unha formación en psicoloxía boísima, cun material científico no seu haber amplo, rigoroso e do máis moderno da época".

Vilarelle e o seu equipo –Manuel Filgueira González e Cándido Lozano Zuza, entre outros– desenvolverán traballos de campo e teóricos. "Nas comarcas do Deza e Fisterra aplicaron unha serie de probas verbais, non verbais, de cálculo e de razoamento para elaborar baremos propios da poboación escolar da Galiza e estudar a incidencia do uso do galego máis do castelán na aprendizaxe".

Finalizada a Guerra Civil, Vilarelle organiza no instituto de Pontevedra un departamento de psicoloxía onde seguen a formarse Filgueira González e Lozano Zuza. "Foi o primeiro departamento de orientación. Traballan vendo crianzas con dificultades, rapazada de novo ingreso á que lle aplican probas colectivas". Tanto Filgueira González como Lozano Zuza coincidirán máis tarde no tribunal tutelar de menores onde organizan outro departamento de psicoloxía, "este xa máis orientado ao diagnóstico e ao tratamento clínico de distintas patoloxías".

Primeira psicóloga escolar

"Foron amigos toda a vida", lembra Filgueira Lois e pioneiros da psicoloxía nun momento en que tal profesión non existía.  "Entre esta xeración e as primeiras promocións de Psicoloxía do Estado, a primeiros dos 70, destaca Ana María Pardo. Foi o enlace". A primeira psicóloga galega tras a guerra. Formouse en Francia xunto a René Zazzó. Ao seu regreso á Galiza converteuse na primeira psicóloga escolar, no colexio Fingoi de Lugo. Foi parte dos movementos de renovación pedagóxica e unha grande estudosa do fracaso escolar, a adquisición da lectura e a integración de crianzas con necesidades educativas especiais.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios