Sisnando, un arcebispo compostelán do século X ao servizo de Castela

O 29 de marzo de 968 morreu loitando contra os viquingos na parroquia de Rairis, no concello de Teo, o arcebispo de Compostela, Sisnando. A súa figura é chave para entender o quebracabezas do reino da Galiza naquel revolto século X.

Ramiro III, nunha miniatura do 'Libro das Estampas' da catedral de León. (Foto: Catedral de León)
photo_camera Ramiro III, nunha miniatura do 'Libro das Estampas' da catedral de León. (Foto: Catedral de León)

A batalla de Fornelos é un capítulo decisivo na historia da Galiza. O 29 de marzo de 968 as tropas galegas comandadas polo arcebispo compostelán, Sisnado Mendes, eran derrotadas na parroquia de Rairis, no concello de Teo, polas forzas viquingas dirixidas polo famoso Gunderedo, que tras meses de cerco a Santiago de Compostela conseguen entrar na cidade e saqueala.

As consecuencias da derrota militar foron duras. Á marxe da morte do propio Sisnando alcanzado por unha frecha mentres combatía na primeira liña, a vitoria deu novos folgos ao noruegués Gunderedo que consígueu tomar novas localidades e mesmo levar a súa campaña até o Cebreiro, na comarca dos Ancares, noutro dos capítulos dos contactos entre galegos e viquingos naquel século X.

A batalla de Fornelos

A vitoria de Gunderedo só foi posíbel pola dialéctica interna do reino, cunhas clases dirixentes galegas enfrontadas, maiormente, a Ramiro III, que tiña en Sisnando un dos seus grandes apoios na Galiza nuclear. Abondou, coa alianza das diferentes familias da oligarquía galega para derrotar ao exército viquingo en 970, nas proximidade da ría de Ferrol, nunha batalla onde morreu o caudillo noruegués.

A figura de Sisnando axuda a explicar a correlación de forzas no espazo cristián peninsular no século X e a loita do partido galego pola súa hexemonía en competencia coa incipiente nobreza de orixe castelán  A diferenza da práctica totalidade das clases dirixentes da Galiza nuclear, o arcebispo compostelán xogou a carta do partido castelán e navarro, que se concretou no seu apoio aos monarcas Sancho II e Ordoño IV. Precisamente, Sisnando coroou en Compostela como rei da Galiza a Sancho II en novembro de 956.

Sisnando con Ramiro III

Sisnando, que ocupou a sede compostelán, practicamente, de xeito interrompido entre 951 e 968, xogou un papel importante na formación e tutela do fillo de Sancho II, o rei Ramiro III, coroado en 966, mais que non chegou a gobernar na Galiza nuclear, até o punto de afirmar Benito Vicetto que “non lle corresponde figurar na cronoloxía dos seus reis... porque entre a morte do seu pai Sancho II e a coroación en Santiago de Vermudo II este período é un verdadeiro interregno na nosa historia da Galiza”.

A oligarquía galega respondeu a Sancho II e Ramiro III coa proclamación de monarcas privativos da Galiza. Neste sentido, a comezos de marzo de 958 era coroado como rei da Galiza na Catedral de Santiago de Compostela, nunha cerimonia presidida por San Rosendo, Ordoño IV, porén só logrou manterse no trono durante tres anos. A xogada, repetiuse en 982 co a entronización, outra vez na Catedral de Compostela, de Vermudo II como monarca galego.

O partido galego

Os bandos que se confrontaron na Galiza da segunda metade do século X estiveron liderados por Gonzalo Mendes e Rodrigo Vasques. O primeiro, que agrupou tras súa a grande maioría da nobreza galega, facía parte da familia dos Goterres, era parente de San Rosendo, aio do futuro rei Afonso V e avó da raíña Elvira Mendes. O segundo, era fillo de Vasco Rodrigues e a condesa Trudilde  e estaba casado con Onega Lucídez, filla de Ximena e de Lucidio Alóitez, curmán de Hermenexildo Aloitez e parente do bispo compostelán Sisnando.

O arcebispo Sisnando, precisamente, era fillo de Hermenexildo Aloitez, conde de Présaras, fundador do mosteiro de Sobrado e tío do conde de Traba, Pedro Froilaz, actor chave na hexemonía galega no espazo cristián peninsular no século XI.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios