Vermudo II. Un rei galego fronte á adversidade

Foi coroado como rei da Galiza o 15 de outubro de 982 na Catedral de Compostela, nun acto onde participou o núcleo central da oligarquía galega. Tras exercer tres anos como monarca privativo do país, en 985 asumiu o trono do reino galego, naquela altura conformado por un amplo territorio, cuxos lindes chegaban desde o Cantábrico até o Mondego e desde o Atlántico ás terras de Araba e Castela. Comprometido co proxecto dunha Galiza hexemónica no espazo cristián peninsular, enfrontou durante o seu reinado enormes dificultades, procedentes do ámbito externo e interno. Aínda así, a sua vitoria representou o trunfo da clase dirixente da Galiza nuclear que retornou ao poder con este novo monarca da familia dos Goterres.
Vermudo II, nunha imaxe do 'Libro dos testamentos' da catedral de Oviedo do século XII. (Foto: Catedral de Oviedo)
photo_camera Vermudo II, nunha imaxe do 'Libro dos testamentos' da catedral de Oviedo do século XII. (Foto: Catedral de Oviedo)

As orixes de Vermudo II (948-999) continúan aínda en discusión. Mentres o sector maioritario da historiografía considérao fillo do monarca galego Ordoño III, outro grupo faino primoxénito do rei Ordoño IV. Os defensores da primeira das teses entenden que está debidamente acreditada a súa filiación co terceiro dos Ordoño, sendo por vía paterna neto de Ramiro II e da súa curmá, a raíña galega da casa dos Goterres, Adosinda Goterres, filla de Goterre Osorio e Aldonza Mendes e neta de Hermenexildo Goterres e de Elvira Mendes.

A maioría dos defensores desta posición coinciden en situar como nai de Vermudo II a nobre castelá Urraca Fernández, filla do conde Fernán González e da infanta navarra Sancha Sánchez. Urraca, raíña da Galiza con dous monarcas diferentes e tamén de Nafarroa, casou con Ordoño III no marco da política de achegamento de Ramiro II a Castela para evitar conflitos internos no reino galego. Porén, outros autores, que defenden a paternidade de Ordoño III, opinan que Vermudo II é froito dunha relación do primeiro coa nobre galega Elvira Pais ou mesmo con Aragonta Pais, outra muller da casa dos Goterres.

Un sector moi reducido de investigadores sinalan que Vermudo II é fillo de Ordoño IV e da súa muller, a castelá Urraca Fernández. Nesta liña, o historiador Manuel Carriedo Tejedo significa que “foi fillo, cremos, de Ordoño IV (enfrontado a Sancho I en 958), neto de Afonso Froilaz (enfrontado a Sancho Ordoñes e Afonso IV en 926, e apreixado e cegado por Ramiro II en 931), e bisneto de Froila II que tan malas relacións mantivo durante o seu curtísimo reinado, en 924-925, cos seus sobriños, fillos de Ordoño II, até o punto de ser descualificado publicamente polo primoxénito, Sancho Ordoñes. Porén, a maioría dos historiadores desta corrente consideran a Ordoño IV fillo de Afonso IV e non de Afonso Froilaz.

Outro rei criado na Galiza

A totalidade dos autores que se ocuparon de Vermudo II coincidiron en sinalar que o monarca criouse na Galiza, sendo educado polo seu parente San Rosendo. A este respecto, o Cronicon Iriense, un texto redactado no propio século X e, por tanto, contemporáneo a Vermudo II, destaca que este formouse en Compostela a carón de Rosendo, cando o futuro santo da familia dos Goterres ocupaba a cadeira episcopal. Na mesma liña, Alfonso Ceballos-Escalera apunta que “en terras galaicas debeu de transcorrer a súa adolescencia e mocidade”, aparecendo o seu nome por primeira vez na documentación en 958.

O orfo Vermudo Ordoñes, que por entón contaría con pouco máis de tres anos, debeu ser enviado á Galiza, seguramente baixo a garda e custodia de Adosinda Goterres

Os Goterres conformaron o núcleo familiar de Vermudo II. Sexa unha ou outra a súa filiación paterna, aparece o parentesco con este clan, ao ser calquera dos seus tres posíbeis proxenitores fillos de curmáns de San Rosendo. Nesta liña, o biógrafo de Vermudo, Alfonso Ceballos-Escalera, considera como a hipótese máis plausíbel que “o orfo Vermudo Ordoñes, que por entón contaría con pouco máis de tres anos, debeu ser enviado á Galiza, seguramente baixo a garda e custodia de Adosinda Goterres, esposa repudiada de Ramiro ou ben dos parentes desta señora”.

O primeiro matrimonio de Vermudo concretouse dentro dese mesmo grupo social. A súa primeira esposa, Velasquita Ramires, era filla de Ramiro Mendes e Adosinda Goterres, neta por vía paterna da famosa Mumadona Dias e de Hermenexilgo Gonzales, este último irmán da raíña Aragonta, e sobriña de Gonzalo Mendes, o gran líder militar da revolta galega nos anos de Sancho II e Ramiro III. Ao tempo, a nai de Velasquita, Adosinda Goterres, era filla de Goterre Mendes e Aldara Eiriz, irmá de San Rosendo, neta de Hermenexildo Goterres e o do conde Ero e tía do seu esposo e da raíña Goto Nunes.

A clase dirixente galega enfrontou a orientación procastelá das políticas de Sancho II e do seu fillo Ramiro III. Nun caso e noutro responderon coa rebelión xeneralizada e na promoción de candidatos alternativos ao trono que garantisen os seus intereses, concretados nunha Galiza hexemónica no espazo do reino cristián peninsular. Así as cousas, non é de estrañar que unha boa parte da historiografía, comezando por Benito Vicetto, asuma que Ramiro III nunca chegou a gobernar de modo efectivo na área galega portuguesa, manténdose no trono do reino galego só polo apoio militar 
do reino de Nafarroa e do califato de Córdoba, coñecido nas fontes europeas e árabes contemporáneas como España.

Sampiro, afirmou en relación a Ramiro III que "era un neno e con escasa intelixencia comezou a molestar os condes galegos"

O malestar dos galegos con Ramiro III ficou documentado en diferentes textos da época. Así, por exemplo, o historiador Ibn Jaldún (Túnez, 1332 - O Cairo, 1406), recollendo vellos documentos custodiados en Córdoba, sinalou que “desgustados os galegos con Ramiro, a quen a desgraza parecía perseguir sempre, sublevouse contra el o seu primo irmán Vermudo, fillo de Ordoño; de modo que, outra vez, estalou entón a guerra civil entre os cristiáns”. Na mesma liña, o bispo de León e notario de Vermudo II, Sampiro, afirmou en relación a Ramiro III que “era un neno e con escasa intelixencia comezou a molestar con feitos e palabras os condes galegos”.

A xeopolítica peninsular

As novas circunstancias xeopolíticas na península, como consecuencia da debilidade do reino navarro e da ruptura do pacto entre Ramiro III e o califa de Córdoba, levaron os galegos a impulsaren unha nova candidatura ao trono. Neste contexto, produciuse o 15 de outubro de 982, na Catedral de Compostela  a coroación oficial de Velasquita e Vermudo II,   quen xa actuaba desde finais do ano anterior como monarca galego á vista do recollido nunha doazón ao mosteiro de Guimarães, fundado por Mumadona Dias, a matriarca do clan dos Méndez e “irmá de sangue” de Ramiro II.

O acto de entronización de Vermudo e Velasquita foi toda unha declaración de intencións do programa político do monarca e do novo núcleo de poder no reino. A presidencia do mesmo correspondeu a San Rosendo, que volveu a Compostela após ser apartado da cadeira episcopal por Rodrigo Vasques, home de Ramiro III na Galiza, para impor o seu fillo Paio Rodrigues como bispo. Ao tempo, estiveron presentes os membros do núcleo central da oligarquía galega como Gonzalo Mendes e os seus fillos, Goterre Osorio, Aloito Fernandes, Rodrigo Ordoñes ou Froila Vímaras.

Vermudo actuou durante tres anos como rei privativo da Galiza

O novo rei non conseguiu o control efectivo do reino até finais de 984. Se desde 981 a área galega portuguesa xa estivo rexida polo novo monarca, este atopou resistencia nunha parte das terras leonesas e castelás. Así as cousas, Vermudo actuou durante tres anos como rei privativo da Galiza, asumindo o control doutras zonas da coroa a partir de mediados de 984. Malia que a historiografía españolista retrasa até 985, data da morte de Ramiro III, a entronización de Vermudo en León, á altura de 984 as terras de Saldaña xa estaban baixo o seu Goberno, resistíndose até o final o condado de Castela, en mans de García Fernández, fillo de Fernán González, co apoio das tropas musulmás.

A resistencia de Ramiro III contou con certa consistencia no primeiro ano do reinado de Vermudo. Un dos principais feitos de armas deste conflito viviuse a comezos de 983 en Portela de Areas, unha sorte de chaira no monte Farelo, pertencente ao concello de Antas de Ulla. O choque entre os dous bandos produciuse tras saír ao paso dun exército de casteláns e leoneses encabezado por Ramiro III as forzas galegas lideradas por Vermudo II. A batalla significouse pola súa dureza, alongouse durante practicamente un día e rematou sen vencedor certo, certificándose moitas baixas de cada lado.

A Crónica de Sampiro recolleu esta batalla afirmando que “Ramiro xuntou unha forte hoste en León e foi para Galiza sobre Vermudo. Pola contra, Vermudo cando isto oíu, xuntou do seu lado aqueles poderosos da Galiza que o alzaran contra o rei, e foi contra el. E topáronse e libraron batalla nun lugar que se di Portela de Areas, mais non venceron nin un nin outro, mais morreron moitos dunha parte e outra, e partíronse así. E durou a guerra entre eles ben dous anos, facéndose moito mal uns a outros”.

Almanzor contra Vermudo

A presión dos galegos sobre a área leonesa e castelá levou a Ramiro III a pactar un novo acordo con Almanzor no verán de 984 polo que se convertía en súbito do califa de Córdoba e transformaba as posesións que aínda mantiña no reino galego nunha sorte de protectorado dos musulmáns. Precisamente, estas decisións adoptounas cando o seu rival xa conquistara a cidade de León e a práctica totalidade da rexión leonesa estaba baixo o seu control. Neste sentido, Vermudo foi ratificado como monarca en 985 na catedral de León.

A voz discordante púxoa Paio, o bispo falsario de Oviedo

A xestión de Vermudo foi valorada de modo desigual polos seus contemporáneos. Así, Sampiro definiuno como “un varón prudente, restaurador das leis godas e dos sagrados canons, inclinado á misericordia e á xustiza, castigador do mal e celoso amigo do ben, morto na paz do señor”. Máis unha vez, a voz discordante púxoa Paio, o bispo falsario de Oviedo, quen o caracterizou de “indiscreto e tirano de todo, nefando, concubinario e fulminado polos seus pecados co mal da gota”. Esta doenza, que o acompañou durante parte da súa vida, levou a que fose coñecido como “O Gotoso”.

Os autores contemporáneos adoitan presentalo como un reformador no ámbito lexislativo. A este respecto, Afonso Ceballos-Escalera sinalou “o papel relevante de Vermudo II, un monarca de marcada vocación xurídica -como nos lembran os seus cronistas- especialmente preocupado por dar solucións do dereito á convulsa sociedade que lle tocou rexer, aínda que polas terríbeis circunstancias dos seus anos de reinado apenas vise o froito da súa tarefa organizadora e reguladora”. Nesta liña, avanzou parte das orientacións posteriormente seguidas polo seu fillo Afonso V.

As frontes de Vermudo

Vermudo gobernou nunhas circunstancias políticas moi complicadas, onde a propia existencia do reino cristián peninsular foi posta en cuestión pola superioridade do califato de Córdoba, denominado como España nas fontes contemporáneas. Neste sentido, debeu enfrontar no plano interno as continúas rebelións da nobreza da área castelá e dunha parte da leonesa, as máis das veces en parcería cos árabes, que combateron o seu proxecto político dunha Galiza hexemónica. Ao tempo, o seu reinado coincidiu cun dos períodos de máis esplendor do califato español, que baixo o liderado de Almanzor golpeou de modo permanente os seus veciños cataláns, navarros e galegos.

A conflitividade entre galegos e casteláns e leoneses pairou durante os 17 anos do seu reinado. Nesta liña, fracasaron os intentos de Vermudo II de buscar a paz e aumentar os seus apoios pola vía matrimonial, malia repudiar a súa primeira esposa, a galega Velasquita e casar coa castelá Elvira García en decembro de 991. Elvira era filla de Ava de Ribagorza e do conde de Castela, García Fernández, neta do famoso Fernán González e da infanta navarra Sancha de Iruña e nai de Afonso V, Sancha Vermudes e Teresa Vermudes.

García Gómez ergueuse por primeira vez en 989, conseguindo co apoio de Almanzor

As principais revoltas contra Vermudo II estiveron lideradas polo conde Saldaña, García Gómez. García Gómez, cabeza da familia dos Banu Gómez, propietarios de importantes terras na área leonesa limítrofe con Castela, fillo de Gómez Díaz, neto do castelán Fernán González, irmán da raíña Sancha Gómez e cuñado de Ramiro III, ergueuse por primeira vez en 989, conseguindo co apoio de Almanzor apoderarse de todo o territorio entre Castela e Zamora, incluído León, que gobernou en nome do califa español. Porén, a mediados de 990, Vermudo II á fronte das tropas galegas derrotouno, desterrándoo ao vello solar familiar de Liébana, na actual Cantabria.

Os Banu Gómez volveron á carga en maio de 992, mediante un levantamento capitaneado polo curmán de García Gómez, Munio Fernández, e o conde Paio Rodríguez, cuñado do rei de Nafarroa, Sancho Garcés III e avó de Ximena Díaz, esposa do Cid. Se nun primeiro momento obrigaron co apoio das tropas musulmás o monarca a retirarse á Galiza nuclear, a mediados de 992 a situación deu a volta, tomando, outra vez, o control do reino o partido galego. Precisamente, García Gómez, coas súas tropas, acompañou Almanzor a Compostela en 997, exemplo inequívoco dunha vella relación de colaboración desta familia coa área musulmá, iniciada polas sucesivas embaixadas de Gómez Díaz a Córdoba.

Almanzor, animado polos inimigos internos de Vermudo II, aumentou os seus ataques contra o Reino da Galiza. Un dos máis importantes dos mesmos rematou o 10 de agosto de 997 coa toma de Compostela, após saquear nas xornadas anteriores boa parte da Galiza nuclear desde Viseu. Nesta campaña militar, o caudillo contou co apoio dalgúns dos nobres leoneses e casteláns enfrontados ao rei galego, facendo parte das tropas árabes, entre outros, García Gómez, Osorio Díaz, outro membro dos Banu Gómez ou Gonzalo Bermúdez.

Vermudo dedicou os últimos anos da súa vida a reconstruír as cidades arrasadas por anos de guerra, centrando os seus maiores esforzos en erguer de novo Compostela. A este respecto, Sampiro sinalou que “o rei Vermudo, axudado polo señor, comezou a restaurar, mellorándoo, o referido lugar de Santiago”. Nesta liña, Afonso Ceballos-Escalera lembrou que “á morte do monarca as obras da catedral atopábanse moi avanzadas, executando, segundo Jiménez de Rada, obras de reconstrución noutras cidades do reino como León”.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios