Xosé Ramón Ermida: "Recuperar a memoria dos nosos reis é facer república"

Xosé Ramón Ermida Meilán é un dos coautores dos fascículos do coleccionábel 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu', coordinado por Alexandre Peres Vigo e distribuído con este xornal de terza a sexta feira. Nesta conversa, adianta a 'Nós Diario' unha parte dos contidos da súa autoría que comezan hoxe.
Ermida, durante a súa conversa con este xornal. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ermida, durante a súa conversa con este xornal. (Foto: Nós Diario)

—Achégase nos seus traballos ao tempo histórico que vai desde o reinado de Ordoño II até a subida ao trono galego de Afonso VI, que caracterizaría este período?
O século X e as primeiras décadas do século XI están marcados por unha loita pola hexemonía no reino cristián peninsular -o espazo político que as fontes contemporáneas árabes ou europeas denominaban Galiza- entre a clase dirixente da área galego portuguesa -en puridade a Galiza nuclear- e a oligarquía da área castelá.

Unha pelexa desigual, polo moito que significaba Galiza no aspecto territorial, demográfico ou económico e polo pouco que representaba Castela. De feito, a nobreza castelá acode a pactos co califato español de Córdoba ou á coroa de Nafarroa para poder enfrontar Galiza. Sen ir máis lonxe, practicamente un terzo do exército de Almanzor que saquea Compostela en 997 está formado por nobres de Castela.

Neste sentido, entre os reis que representaron os intereses do partido galego nese século destacaron Ordoño II, os seus fillos Sancho I e Ramiro II, Ordoño III e IV, os Vermudos, Afonso V e Elvira Mendes ou Sancha e Fernando.

—Falaba agora, dunha serie de monarcas do século X e XI, se tivese que ficar cun deles, cal escollería?
Sempre é complicado optar entre un e outro. Porén, eu quedaría con Ramiro II e Sancha I. Ramiro II, un monarca nado na Galiza nuclear, fillo dunha raíña da casa dos Goterres e casado con outra raíña desta familia, curmán de San Rosendo, actuou en política como un instrumento do partido galego e defendeu a hexemonía das clases dirixentes galegas no espazo cristián peninsular. Como estadista e líder militar foi admirado en toda Europa.

Porén, a historiografía española valórao negativamente pola contundencia con que combateu a Castela e ao conde Fernán González. 
Sancha é outra muller da familia dos Goterres, filla da raíña Elvira Mendes e de Afonso V, criada en Betanzos e que vai dar continuidade ao programa político comezado polo seu avó Vermudo II. A este respecto, destacou pola súa axenda lexislativa, pola súa firmeza á hora de combater as revoltas castelás, polo impulso á ampliación territorial do reino e pola promoción da cultura, concretada na creación do Estudo de Compostela pero tamén no apoio ás obras literarias e artísticas.

—Referíase a Sancha como unha das grandes monarcas galegas, que destacaría das súas antecesoras á fronte do Reino da Galiza?
Aquí existía unha gran diferenza con outros reinos e era que as mulleres podían herdar no reino galego, unha vella tradición do país que, precisamente, Elvira Mendes e Afonso V sancionaron no Decreto do rei Afonso e da raíña Elvira de 1017, popularmente coñecido como Foro de Léon, e que posibilitou, entre outras cousas, que Sancha I fora raíña, actuando o seu marido Fernando I como consorte.

En todo caso, o aspecto máis relevante é que todas elas, desde a primeira, Elvira Mendes, a esposa de Ordoño II, até Sancha, exerceron como monarcas participando activamente da gobernación do reino. A maiores, a práctica totalidade das raíñas do período eran parentes, ao facer parte da familia dos Goterres, con centro en Celanova e posesións en todo o reino cristián.

—Seguindo neste caso cun fillo de Sancha, García que significaría del?
É unha figura a reivindicar pero tamén a desmitificar, comezando por explicar que non foi o único rei galego, nin tan sequera o primeiro monarca privativo da Galiza nuclear.

Un reino, o galego, que molesta

Xosé Ramón Ermida entende que "a memoria do Reino da Galiza molesta porque a súa existencia impugna todo o relato oficial sobre a historia do Estado español, que é unha trabe básica para articular o actual modelo territorial e combater a pluralidade nacional".

"A maiores", sinala Ermida, "a diferenza do que acontece coa historia medieval de Catalunya ou Euskadi, que non interfire cos mitos fundacionais da historiografía españolista ligados a Castela, a historia galega nega e deixa en evidencia toda a historiografía que parte de Ximénez de Rada, que poñen a punto no século XIX e chega até hoxe". Ermida considera que "recuperar a memoria dos nosos reis é facer república" e significa "o interese existente pola historia do Reino da Galiza a nivel social, como demostran diversas iniciativas dos últimos tempos que contrastan coa actitude do mundo académico".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios