Entrevista

Alexandre Peres Vigo, historiador: "Pardo de Cela foi o máis coñecido rebelde que non se someteu aos Reis Católicos"

Sermos Galiza S.A. agasalla este sábado as lectoras e os lectores cunha biografía sobre Pedro Pardo de Cela no marco da colección “Biografías esenciais do Reino de Galiza”. Trátase dun traballo da autoría de Alexandre Peres Vigo (Trasancos, 1982), historiador, doutor e profesor da Universidade da Coruña (UDC), dedicado ao Marechal, quen foi perseguido asañadamente polos Reis Católicos até a súa execución pública na praza da catedral de Mondoñedo en 1483, xusto hai 540 anos.
Alexandre Peres Vigo, durante a entrevista. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Alexandre Peres Vigo, durante a entrevista. (Foto: Xan Carballa)

—Xa participou nunha anterior iniciativa de coleccionábel de Nós Diario para a divulgación dos reis e raínas galegas. Por que segue a ser o medieval un período histórico que precisa iluminarse e divulgarse?
Agora temos bastantes datos e moita información, pero o sistema educativo non transfire ese coñecemento, que é amplo e con moi bos investigadores. Se todo ese traballo queda unicamente en publicacións académicas, se non se filtra ao sistema do ensino secundario, seguiremos coas mesmas trapalladas sobre a Idade Media, tipo Reconquista para entendernos. Impartín aulas de Historia na Educación Secundaria e nos libros de texto a palabra Galiza, se chegaba a aparecer, era residual. Velaí o paradoxo: sábese bastante, pero fallan os currículos educativos que deseñan as autoridades.

—En tempos tamén fallou a Universidade, cando menos nese nivel mudaron as cousas?
Quero pensar que si, tamén porque hai unha certa democratización no acceso ás fontes, basicamente pola dixitalización e o acceso na rede. Avanzouse bastante e hai menos hermetismo.

—Venme á cabeza o éxito popular da película Braveheart. A divulgación e a popularización dunha historia medieval galega sen deturpar requiriría un esforzo acorde aos tempos. O audiovisual nun senso amplo e os novos medios son vehículos nos que apenas se difunde esta visión.
Sempre será un esforzo de formigas contra xigantes, pero chamoume sempre a atención no caso de Pardo de Cela que a pesar de todas as dificultades todo indica que no pobo da propia Mariña sempre estivo presente, quizais non como un heroe, pero non se aceptaba a imaxe de vilán e criminal. Aparece como home poderoso e digno. Ser resistente a unha agresión externa produce simpatías e quero pensar que ningún esforzo que fagamos é pequeno. Arrincáronnos moitos referentes históricos e culturais, sobre todo cando tiñan poder, porque ese é o momento no que se fan perigosos. Paseo moito por Ferrol e todas as estatuas que vexo son de xente de fóra, non hai galegos. Arrastramos descoñecemento do noso pasado, e cando aparecen figuras a destacar hai tendencia a relativizar o seu valor, a acomplexarse ou sentir vergoña de reivindicar os nosos.

—Ademais do acceso e a dispersión, que non hai tantos anos era un problema, realmente hai un volume grande de documentación, vanse enchendo lagoas e solidificando hipóteses?
Afloraron moitas cousas, porque houbo moita xente investigando que botou menos anos levando ese traballo e hoxe témolo en acceso doado. A rede foi decisiva e mesmo obrigou a que especialistas e autoridades tivesen que revisar parte do que escribiran.

—Por que a figura particular de Pedro Pardo de Cela é das máis controvertidas e na que se puxo singular empeño en anular a súa potencia política?
Nun primeiro momento é unha figura demonizada polas autoridades do momento, os Reis Católicos, coa acción dos seus cronistas. Pero ese discurso triunfaba fóra do país, non tanto aquí onde o xuízo, como dixen moitas veces, era positivo. No século XIX recupérase a súa figura case con atributos heroicos, quizais moi romantizada, pero eficazmente. A comezos do XX continúa esa reivindicación pola xentes da xeración Nós, pero cando chegamos aos finais deste século anterior, hai unha revisión crítica que, sen querelo, parece levarnos ao punto de partida da demonización, polo empeño de afastarse como da peste da visión “romantizada”. Hoxe coido que estamos nun punto idóneo para termos un equilibrio entre a figura real e a mitificada, sabendo que hai causas políticas no retrato que, unha vez derrotado, se quixo transmitir de Pardo de Cela. Podemos diferir, mais para unha interpretación acaída hoxe temos moita información. Sen dúbida estamos a falar claramente dun rebelde, o máis coñecido rebelde galego fronte aos Reis Católicos.

—O personaxe é nese sentido singular para unha etapa que é un cambio total na evolución política de Galiza co triunfo dos Reis Católicos. Aínda co transfundo das loitas dinásticas, podemos falar dun proxecto político na súa resistencia?
Non coñecemos con exactitude a dimensión política, das súas aspiracións ou arelas políticas, se é que as tiña, temos moitas lagoas. Hai cronistas, moi afíns aos Reis Católicos, que afirman que Pardo de Cela está do lado de Dona Xoana, ou o que é o mesmo, do rei de Portugal; outras fontes carecen dese valor. Noutras dísenos que apoia a coroación de Isabel a Católica, aínda que ese é un momento inicial cando non hai outra alternativa. Todo isto vainos indicando que algunha simpatía política debía de ter, porque sabemos doutros nobres que se decantaron claramente. Podemos falar de ambigüidade inicial, pero é indubidábel que despois era unha figura non grata para os Reis Católicos. Haberá que saber os porqués desa inimizade e do carácter criminalizante que lle apuxeron. Reformular a visión é o importante. Simplifícase dicindo que era un nobre en problemas coa mitra mindoniense, pero se cadra son outras as razóns e aínda non as coñecemos de todo.

—E temos posibilidades de que esas lagoas se cubran no futuro?
Algunhas si e outras quizais non. Pero podemos interpretar o que coñecemos documentalmente e ir axustando a medida que aparezan novas informacións. Temos o testamento que non apareceu hai tanto tempo (copias, con maiores ou menores manipulacións interesadas) e despéxanos algunhas dúbidas. Un dos grandes retos é situar a dimensión política que puido ter Pardo de Cela na Galiza de finais do século XV.

—Coñécense as alianzas, pero que razóns impediron unha maior acción común dos nobres galegos? Só a presión da monarquía central?
O reino de Galiza nese momento carece de institucións nacionais. Pero manteñen reunións, acordan temas como grupo con intereses comúns e asuntos territoriais. Son conscientes de ser galegos e pertencer ao Reino de Galiza, porque se reúnen entre eles e non con outros nobres de fóra. Un intelectual castelán moi famoso, Alfonso de Cartagena, non ten problema en falar de que os galegos teñen un idioma propio e son unha nación, dominada polo reino de Castela. Os nobres galegos tiñan sentimento de pertenza, pero nese momento xa non contaban cunha monarquía propia que os aglutinase. Tiñan tamén os seus intereses e enfrontamentos particulares e iso xeraba desconfianza e imposibilitaba a acción común facilitando aos Reis Católicos o que os cronistas denominaron a “doma de Galicia”.

—Fala no libro de que non se coñece a súa tumba, algo común a outras figuras galegas relevantes, Xelmírez ou Fernando de Castro… Non se quería que virasen en símbolos?
Dá esa sensación, porque non sucedeu con outros intelectuais ou nobres. O arcebispo Fonseca ou Diego de Andrade teñen sepulcros ben coñecidos. A estatuaria funeraria releva datos de simpatías. Tampouco outro rebelde como Pedro Madruga ten sepultura visíbel nin Constanza de Castro, a filla do Marechal. Son figuras proscritas que se busca borrar, pero non sempre se consegue.

—No prólogo fala moito da galaicofobia dos cronistas, no que Galiza é presentada como un lugar perigoso de xentes feroces.
Especialiceime moito no trato dos estereotipos galegos, e unha cousa que me chama a atención é que a lenda negra non nace no Século de Ouro, pois xa no século XV é moi intensa. Unha galaicofobia presente nos círculos áulicos da coroa castelá, e polo que escribían entendemos como nos vían: Galiza era unha nación con lingua propia, que Juan de Mena caracterizada de “brava, onde feroce se cría a xente” e as crónicas castelás falan do país como pobre de natureza, afastado, con xente salvaxe que pretende vivir no luxo, que son persoas sacrílegas… Pardo de Cela entra dentro dese discurso antigalego como unha especie de actor inequívoco, a el póñenlle a etiqueta de “ladrón e homicida”. Criminalizan a figura, pero esas acusacións van ligadas ao feito de ser galego. Cando nos achegamos a Pardo de Cela debemos ter en conta a imaxe do país que se transmitía, que durou moito tempo máis.

—Figuras feroces que se podería aplicar a toda caste de nobres.
E as opinións son coetáneas coa idealización dos Reis Católicos. A propaganda dos seus cronistas definen a súa acción como bélica e dura para someter a Galiza, pero nin Pardo de Cela podía agardar tanta dureza inmisericorde. 

—Non había tanto tempo, esa visión era diferente. O galego pasou de vehículo da lírica con Afonso X O Sabio a lingua a extinguir.
Hai unha degradación. Desde esa lírica moi potente xa no XIV hai un deterioro e no XV o poder da Corte xa impón o castelán: o que non era esa lingua ten consideración periférica e pexorativa. A acción de gramáticos ou intelectuais como Nebrija ou Santamarina deixan ben claro que o castelán é a lingua escollida porque é a da Corte, é a lingua dos vencedores e os vencidos deben someterse. É un concepto que se expresa con meridiana claridade.

—Tamén fai alusión no comezo do libro á idea de islamofobia.
Había unha conexión do que era romanço e a cristiandade e o que non era tal asociábase ao bárbaro, mesmo ao sacrílego. Os trazos da lingua que se falaba en Andalucía eran totalmente deostados como unha corrupción arábiga. 

—Entre os documentos que faltan está o do propio xuízo e a execución que poderían deitar moita máis luz.
Sabemos que o matan por rebeldía, pero tamén houbo resistencias que podían aparecer como máis graves. Caso de Rodrigo Enríquez de Castro, II Conde de Lemos, que moi poucos anos despois da execución exemplarizante de Pardo de Cela tomou Ponferrada, que tiña un valor estratéxico altísimo porque se dicía que era a porta de entrada ao reino de Galiza, e non o mataron. Quedan aínda moitas incógnitas por resolver.

[O titular orixinal desta entrevista "Pardo de Cela foi o máis coñecido rebelde a someterse aos Reis Católicos" foi mudado por "Pardo de Cela foi o máis coñecido rebelde que non se someteu aos Reis Católicos" para que ficase máis claro]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios