Sada recorre a sentenza de Meirás e considera que deben ser os Franco quen indemnicen o Estado

“Sada sempre defendeu o que agora todas as partes están de acordo, a mala fe do ditador. Estamos seguros que así o declarará o Supremo, por xustiza e dereito”, declara o alcalde sadense, Benito Portela.

Pazo de Meirás
photo_camera Pazo de Meirás

A representación procesual do Concello de Sada presentou esta segunda feira o seu recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial sobre Meirás que establecía que había que indemnizar a familia Franco. No recurso, “que integra un motivo de infracción procesual e tres motivos de casación”, considérase que a sentenza da Audiencia non se axusta a dereito (Código Civil e a Xurisprudencia que o interpreta e aplica) “respecto da condición posesoria de boa que dita sentenza lle atribúe aos netos do ditador e con efectos de 197”5.

Así, considera que “a conclusión xurídica da Audiencia, a boa fe de Franco e dos Franco, é xuridicamente errónea”.

Neste sentido, o recurso considera que Franco foi un “posuidor de mala fe, plenamente consciente e coñecedor da nulidade radical da escritura de 1941”. A propia sentenza recoñece, afirman desde o Concello, o “constante intento” de Franco para crear” un título simulado, unha completa ficción, a escritura de 1941, co que facer seu o Pazo”.

O Concello de Sada solicita ¡“a liquidación posesoria de mala fe, tanto dos actuais herdeiros como dos seus ascendentes, incluído o propio Franco, o que, de estimarse, suporía que o saldo neto de dita liquidación seguramente suporá que sexan os Franco quen deban compensar ao Estado por unha posesión detentada durante tantos anos”.

A isto engade o recurso a consideración de que “ a mala fé é transmisible aos seus herdeiros, dado que eran estes, e non o Estado, quen debía ter acreditado e probado unha ignorancia e descoñecemento do vicio radical do seu título posesorio, tal e como Xurisprudencia do Supremo que se invoca no recurso do Concello”.

Por último, afirman, “non hai fundamento legal ningún para aplicar retroactivamente unha suposta e hipotética condición de boa fe dos actuais herdeiros para proxectala retroactivamente a 1975, cando consta acreditada e probada a presencia posesoria do Estado ata 1990. Nin Franco foi posuidor de boa fe nin os actuais herdeiros, tampouco”.

Por todo o anterior, o Concello de Sada solicita a estimación do recurso, solicitando “a liquidación posesoria de mala fe, tanto dos actuais herdeiros como dos seus ascendentes, incluído o propio Franco, o que, de estimarse, suporía que o saldo neto de dita liquidación seguramente suporá que sexan os Franco quen deban compensar ao Estado por unha posesión detentada durante tantos anos”.

“Sada sempre defendeu o que agora todas as partes están de acordo, a mala fe do ditador. Estamos seguros que así o declarará o Supremo, por xustiza e dereito. Vai ser a primeira vez que o Supremo se pronuncie sobre os bens detentados polos Franco e a sentenza proxectará efectos sobre outros bens, polo cal súa transcendencia vai ser de especial relevancia”, declara o alcalde, Benito Portela.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios