sábado 27/02/21

As institucións critican a decisión xudicial de indemnizar aos Franco polo Pazo de Meirás

Están a favor desta "vitoria democrática" pero non entenden todos os argumentos do auto coñecido hoxe. Aliás, tanto a Deputación como o Concello da Coruña indican que o novo obxectivo é recuperar a Casa Cornide.
Un instante do acto de toma de posesión do inmoble. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)
Un instante do acto de toma de posesión do inmoble. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)

As distintas institucións amosaron ao longo da xornada a súa satisfacción polo fallo da Audiencia da Coruña que confirma a devolución do Pazo de Meirás ao Estado de forma definitiva. No entanto, hai unha crítica bastante xeneralizada pola decisión da Xustiza de facer pagar unha indemnización á familia do ditador Francisco Franco.

O delegado do Goberno do Estado español na Galiza, Javier Losada, destacou esta “vitoria democrática”, mentres que o alcalde de Sada (onde está situado o inmoble), Benito Portela, centrouse en lamentar que haxa que facer un abono polos gastos de mantemento desde 1975.

Non hai que esquecer que neses anos foron os achegados de Franco os que gozaron do uso do complexo. Con todo, Portela ve en positivo "a declaración de nulidade de títulos, a expulsión dos Franco do pazo e a incorporación ao patrimonio público". Mais tampouco coincide coa Audiencia ao dicir esta última que “non houbo mala fe” das herdeiras ao quedar con Meirás.

Pero tanto o Concello como a Deputación avisaron de que van recorrer esa parte da sentenza. Para o deputado de Patrimonio da Deputación coruñesa, Xosé Luís Penas, mesmo é unha “anomalía”.

"En lugar de esixirlles pagar o alugueiro por todos estes anos de ocupación ilícita de Meirás, o que temos é que pagar cos nosos impostos aínda máis diñeiro pola utilización como vivenda privada dun inmoble que se demostrou que era público”, lamentou.

A Deputación, como institución, tamén dixo non compartir ese suposto dereito a indemnización. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, limitouse a dicir que o auto amosa que “os Franco actuaron impunemente durante a ditadura”.

Por último, a Consellaría de Cultura cualificou a sentenza definitiva de “boa noticia”, se ben opina que hai que “analizar” todas as partes “para seguir defendendo o patrimonio de todos os galegos”.

Arredor da Cornide

Tanto Rey, como Penas, aludiron á sentenza aos activistas da Casa Cornide, que tamén se coñeceu esta semana. Mentres que o deputado non entende as dúas decisións ao comparalas -pois as e os activistas terán que pagar unhas multas-, a rexedora sinalou que agora haberá unha loita do municipio para que “devolvan tamén” o inmoble da Cidade Vella da Coruña que intentan vender.

comentarios