luns 01/03/21

Rianxo recibe ‘Dúas paisaxes’, un óleo pintado por Manuel Rodríguez ‘Ínsua’, un dos curmáns de Castelao asasinado en 1937

Apatrigal e Galantiqua xestionaron a recuperación do cadro, que esta sexta feira será entregado ao Concello rianxeiro.

 

Manuel antonio insua dieste
Manuel R Castelao 'Ínsua' no medio da imaxe, entre Manoel Antonio e Rafael Dieste.

A asociada á Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego e directora de Galantiqua, Ana Paula Castro Jiménez, recibiu a encomenda profesional de valoración de varios cadros, entre o que se encontraba un que contiña a sinatura "Castelao", e que tras unha investigación certificouse que a autoría era de Manuel Rodríguez Castelao "Insua", curmán de Castelao e un dos dirixentes nacionalistas en Rianxo, que perdería a vida en 1937 en Vigo no ‘‘Bou Eva’

 “Ante a relevancia histórica da peza, tanto a asociada como a asociación decidiron xestionar a recuperación desa peza artística para Galiza, e tras varios meses de negociacións e con grande ledicia para a descubridora do lenzo (Ana Paula Castro Jiménez) como para a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, conseguiuse que a obra de arte fora doada polos seus propietarios ao Concello de Rianxo, volvendo ao seu lugar de orixe, e expoñendo o recoñecemento tanto da figura de Manuel Rodríguez Castelao "Insua" na súa vila natal, como o recordo dunha parte moi importante da historia de Galiza”, indica Apatrigal nun comunicado.

O acto de entrega do cadro ao Alcalde será esta sexta feira, día 5 de febreiro, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello.

Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao eran coñecidos popularmente como “Os Insua”, curmáns de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e destacados dirixentes nacionalistas do Barbanza. Ámbos os dous perderían a vida o 23 de abril de 1937 con outras nove persoas que tentaban fuxir de Galiza desde o porto de Vigo no “Bou Eva”. 

Manuel Rodríguez Castelao foi o líder indiscutíbel do Partido Galeguista na comarca, representándoo nas máis importantes responsabilidades orgánicas e na corporación municipal rianxeira, onde o nacionalismo foi a forza hexemónica durante boa parte do período

Traballou como mestre, destacando desde mozo polas súas cualidades artísticas, colaborando con Castelao nos debuxos dos cruceiros de Rianxo, utilizados na publicación “As cruces de pedra na Galiza” ou pintando moi poucos lenzos, dos que hoxe só se coñecen aqueles propiedade da Fundación Illa Couto e dos herdeiros de Dieste. 

Con dezaoito anos preséntase á Exposición Rexional, celebrada na Coruña en 1923, con dous cadros ao óleo de temas da vila. Faise referencia a estes lenzos en diversas publicacións da vila de Rianxo e mais considerábanse “perdidas”. Porén, o que mañá se entrega en Rianxo é un deses óleos, de pequeno tamaño (40 x 54 cm) aparece asinado como “M.Rodríguez Castelao” e adxunta un adhesivo orixinal onde, precisamente, se indica que a obra titulada “Dúas paisaxes de Rianxo” foi presentada na exposición da Coruña celebrada en 1923.

Rianxo recibe ‘Dúas paisaxes’, un óleo pintado por Manuel Rodríguez ‘Ínsua’, un dos...
comentarios