O martirio dos irmáns Insua

Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, coñecidos popularmente como “Os Insua”, curmáns de Daniel Castelao e destacados dirixentes nacionalistas da Barbanza, serán asasinados o 23 de abril de 1937 canda outros nove antifascistas que tentaban fuxir de Galiza desde o porto de Vigo no Bou Eva.

Xosé Castelao
photo_camera Xosé Castelao

A súa memoria ficará sempre ligada á matanza do “Bou Eva”. O 23 de abril de 1937, nove antifascistas que se aventuraban a unha fuga en barco desde o porto de Vigo escapando da represión son cercados polas forzas de seguridade cando xa se atopaban na embarcación, supostamente a consecuencia da delación dun membro da tripulación da nave, acordando, diante da imposibilidade de fuxir, quitarse a vida. Segundo algunhas fontes suicidáronse un a un, na opinión doutras, sería Manuel Castelao, o único que tiña a entrada do proxectil na sen dereita, o que executaría a decisión adoptada, finalmente só salvaría a vida Domingos Pombo, secretario do Partido Galeguista de Ferrol que chegou tarde á cita. A morte de Xosé Rodríguez Lorenzo, Manuel Martínez Moroño, Fernando Rodríguez Lorenzo, Luís Álvarez González, Camilo Campos Méndez, Carme Miguel Agra, Anxo Nogueira Nogueira, Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao abalaría a conciencia da Galiza resistente, significando o seu final os diversos órganos que daban voz a opinión democrática do país fora da terra.

Chamábanse Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao pero coñecíanos como os Insua. O maior deles, fillo de Xoán Losada García e Pilar Castelao Genme, irmán de Manuel Rodríguez Castelao, pai de Daniel, naceu en Rianxo en 1891, traballou na conserva, desenvolveuse na emigración arxentina como carpinteiro e exerceu como mestre en diversas localidades a partir de 1921. Segundo o poeta Manuel Antonio, con que partillou militancia nas Irmandades da Fala, en carta a Daniel Castelao “teu curmán Losada; é un rapaz sumamente agradábel, e con quen se pode falar de moitas cousas. Ten ademais boa madeira de bo galego.”. O máis novo, fillo do matrimonio de Pilar Castelao con Manuel Rodríguez Ínsua, de aí “Os Insua”, naceu en 1905, traballou como mestre, destacando desde mozo polas súas calidades artísticas, colaborando co seu curmán Daniel Castelao nos debuxos dos cruceiros de Rianxo, utilizados na publicación “As cruces de pedra en Galiza” ou pintando lenzos, dos que hoxe só coñecemos  aqueles propiedade da Fundación Illa Couto e dos herdeiros de Dieste.

Manuel CastelaoIrmáns de sangue e de loita son referencias inescusábeis do nacionalismo galego nas terras da Barbanza. Se Xosé Losada Castelao representa a continuidade do antigo núcleo irmandiño que participa na reorganización das organizacións patrióticas na localidade nos momentos limiares da II República, Manuel Rodríguez Castelao foi o líder indiscutíbel do Partido Galeguista na comarca, representándoo nas máis importantes responsabilidades orgánicas e na corporación municipal, onde o nacionalismo foi a forza hexemónica durante boa parte do período.  Un e outro, participaron na fundación e organización do Partido Galeguista na localidade, a agrupación local con máis afiliados de Galiza, promoveron as grandes protestas sociais que seguiron á proclamación do novo réxime, denunciando a continuidade das elites da Restauración, foron detidos con motivos dos sucesos revolucionarios de 1934, acusados de agochar armas e explosivos, dinamizaron actividades culturais diversas, entre elas o grupo de teatro “Airiños”, que poñerá en escena “Fiestra Valdeira” en 1935, colaborando a converter Rianxo nunha referencia para todo o pobo nacionalista de Galiza.

Foi unha cacería sen tregua. As primeiras novas do golpe fascista chegan a Rianxo o 18 de xullo, mentres a localidade celebraba as festas do Carme, comezando a organizarse a resistencia á sublevación, onde se sinalou como dirixente principal Manuel Rodríguez Castelao, quen participou directamente na requisa das armas ou no derrube Ponte de Beluso para dificultar a chegada á localidade de soldados procedentes de Santiago de Compostela. Unha vez tomada a vila, iniciase a represión contra os demócratas na localidade, sinalándose a persecución contra os militantes nacionalistas e das organizacións obreiras, moitos dos cales agóchanse en diversos puntos da zona e outros toman diferentes medidas de seguridade. A clandestinidade dos Insua non tiña volta atrás, obrigándoos a esconderse primeiramente polos montes de Rianxiño, fuxindo despois a Carril en barco e seguindo a Vigo en tren, onde permanecen nunha casa dos irmáns Illa Couto, mentres preparan a fuga que remataría en morte. 

 

Comentarios