O Concello de Vilagarcía de Arousa ten a intención de traballar este ano na recuperación da memoria histórica do municipio e da comarca.
Ademais de eliminar a cruz falanxista da Igrexa de Santa Baia no primeiro trimestre de 2022, un traballo que comezou no mes de xaneiro e que non rematou até o pasado mes de marzo, agora realizará os vindeiros días 7, 8 e 9 de abril unhas xornadas coa intervención de historiadoras e historiadores que levarán por nome 'O Salnés, 1936: República, rebelión militar e represión'.
A cita terá lugar na sala de conferencias do Auditorio con entrada de balde.
Palestras de especialistas na materia
A inauguración será esta quinta feira ás sete e media da tarde a cargo da concelleira de Cultura, Sonia Outón. Ela daralle paso á primeira das palestras que realizará o historiador Carlos Méixome, autor do libro O terror nas tebras e outras catas na memoria, que falará de 'Catas na Lei da memoria'. A continuación intervirá a historiadora e escritora Aurora Marco que falará de 'Irmandiñas, as mulleres no galeguismo republicano'.
Na sexta feira, a programación tratará da represión durante os anos da Guerra Civil e comezarán coa palestra do investigador, Xosé Álvarez, autor da obra Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936.1951).
Despois falará o investigador e historiador Dionisio Pereira, autor do libro Loita de clase e represión franquista no mar, que analizará a resistencia armada na contorna de Vilagarcía entre o ano 1936 e 1940.
A última intervención será o día 9 de abril a partir das doce e media da mañá a cargo do historiador Marcelino Abuín que falará sobre a Vilagarcía do 1936.