Carlos Méixome: "A represión no Baixo Miño foi brutal"

Carlos Méixome, da man de Laiovento, volve cun novo volume sobre a represión na Galiza, 'O terror nas Tebras e outras catas na memoria'. Após o seu traballo arredor da represión franquista no Val Miñor, achégase agora ao Baixo Miño en busca de da historia esquecida das vítimas.
Carlos Méixome Quinteiro (Foto: Xabicas).
photo_camera Carlos Méixome Quinteiro (Foto: Xabicas).

Comeza o seu volume  O terror nas Tebras e outras catas na memoria analizando a represión no concello de Tomiño, que destacaría da mesma?

Por unha parte, e de aí a referencia ás dúas Tebras, nestas dúas parroquias tomiñesas, apareceron un total de 11 cadáveres, que teñamos documentado. Moitos outros apareceron esparexidos e coa sensación de que o número foi maior do que temos documentado. Pero tamén porque neste concello residían algúns dos principais líderes republicanos que foron quen de argallar unha certa resistencia aos sublevados. A Guarda non a tomaron até o 28 de xullo.

En Tomiño residía Antón Alonso Ríos e personaxes tan destacados como Paquiño de Figueiró ou o mestre de Forcadela, Hipólito Gallego e as mulleres dos dous primeiros, Izaura Gomes e Josefina Segret. Teño a impresión de que no Baixo Miño, as forzas frontepopulistas eran moi dominantes e aí terían un papel de relevo os agraristas de Tomiño, vinculados ao galeguismo, que se entendían  tanto cos obreiristas, libertarios e galeguistas da Guarda, como con abastados propietarios, tamén galeguistas, como Brasilio Álvarez, e arrastraron os agraristas dos Tabagóns, colaboraron cos republicanos, socialistas e comunistas de Tui e, de modo especial, cos cenetistas encabezados por Gumersindo "o panadeiro". Estas complicidades permitiron argallar unha férrea resistencia, posíbel, tamén, pola participación dos carabineiros e de parte da dotación do Cabo Fradera. Por iso a represión foi tan brutal.

Na súa viaxe polo terror nas terras do Baixo Miño fai un parada en Mos. Que lle chamou a atención da represión neste concello?

O caso de Mos chamoume a atención pola sádica reiteración dos asasinatos nun mesmo lugar, ao lado do cemiterio. Quíxenlle dar ao libro un ton de implicación porque o libro exerce tamén o que poderiamos chamar "memoria do memorialismo", en especial no breve capítulo dedicado a Mos o no centrado na actividade memorialista no Val de Miñor, aínda que tamén estea trufado de investigación documental.

O estudo sobre os campos de concentración franquistas na Galiza segue a ser materia pendente. Que papel desenvolveu no conglomerado penitenciario fascista o campo de concentración do mosteiro de Oia?

En efecto, os campos de concentración, abundantes, non están aínda ben investigados pero xa hai traballos sobre algúns deles. O papel dos campos de prisioneiros na Galiza  foi salientábel, es especial tras a caída da fronte do norte en mans dos sublevados, e non se reduce só ao caso de Camposancos. O do convento de Oia funcionou en dúas ocasións; a primeira como auxiliar de Camposancos, do que apenas temos referencias; a segunda, entre febreiro e agosto de 1939, tras a caída de Catalunya e da que temos algunha información. Foron miles de presos os que por alí pasaron neses meses. Outro asunto sen estudar son os campos de traballo, como o de Monteferro en Panxón (Nigrán).

Malia a ser o Baixo Miño o obxecto central dos estudos, non se esquece do Val Miñor para falar dos vitimarios. Por que un traballo específico sobre a actuación da Falanxe da Ramallosa na represión?

A Falanxe da Ramallosa era un  tanto especial, xa que abranguía non só o temo municipal de Nigrán, senón tamén parroquias baionesas e ademais  gondomaresas. Pola súa extensión ten unha importancia determinante. Partíamos da idea de que tanta represión non puido ser cousa dun pequeno grupo de malvados, que é o que nos chegou a través da memoria oral, o perverso cabo Pena de Baiona.

Tiña que haber tanto redes de informantes, vixiantes, chivatos, como un amplo número de colaboradores: os afiliados á Falanxe, a actuación dos seus xefes locais, Fandiño e Roade, así como o determinante papel da extrema dereita monárquica no deseño das novas elites franquistas, cun rol central o cura de Sabarís, José Gómez.

Comentarios